Co obxectivo de facer do traballo dos operarios nas estradas un ambiente o máis seguro posible, botando man das posibilidades que abren as novas ferramentas tecnolóxicas, a Universidade de Vigo impulsa o programa Infra-Rob, unha iniciativa internacional liderada pola institución viguesa que ten como finalidade “empregar solucións robotizadas autónomas para o mantemento da integridade, o rendemento e a seguridade das infraestruturas viarias”. Nun plano máis concreto, os sistemas desenvolvidos ao abeiro de Infra-Rob teñen a capacidade de abordar o asfaltado das estradas e o arranxo das fochas no firme de xeito automatizado e robotizado. O proxecto abéirase á convocatoria H2020 da Comisión Europea.
O grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías Aplicadas, lidera un consorcio de 18 socios de oito países (España, Portugal, Italia, Bélxica, Alemaña, Austria, Suíza e Dinamarca) do que forman parte tanto universidades como empresas, centros tecnolóxicos, consultoras e mesmo corporacións de autoestradas e autovías e asociacións de profesionais de seguridade viaria. O proxecto ten unha duración de 42 meses, con inicio previsto en setembro de 2021, e un orzamento de 5 millóns de euros, dos que 860.000 quedan na Universidade de Vigo.

A Universidade de Vigo, ademais de levar a cabo as tarefas propias da coordinación do proxecto, encargarase de desenvolver a parte do mesmo relacionada coas cuestións de seguranza de vehículos e persoas traballadoras. “Imos desenvolver solucións baseadas en drons conectados con robots en terra para monitorizar como se comportan tanto os operarios como os vehículos que circulan por estas vías”, explica o investigador Pedro Arias, engadindo que este labor de seguimento permitirá xerar “sinais de alarma ante posibles riscos de accidentes dos usuarios afectados, tanto por velocidades excesivas como por traxectorias irregulares dos vehículos, falta de atención, localizacións inapropiadas, etc”, resume Arias.
A UVigo lidera un proxecto internacional para abordar o mantemento das estradas con solucións robotizadas
Compartir Este Artigo

