Vodafone vai organizar este 16 de xuño un evento online sobre transformación empresarial galega co experto en tecnoloxías aplicadas aos negocios Marc Vidal a desenvolver baixo o epígrafe A evolución do posto de traballo. A cita vén da man do Observatorio Vodafone da Empresa e dará comezo ás 10.00 horas, sendo necesario un rexistro previo online.
Falarase, cunha óptica galega, sobre as novas formas de traballar e sobre as vantaxes que achegan as ferramentas disruptivas ás organizacións, sobre cales foron os principais retos que tiveron que superar as empresas que implantaron o posto de traballo dixital e sobre como as novas tecnoloxísa aumentan a flexibilidade, a capacidade de adaptación e evolución e a sustentabilidade do traballo. Tamén se falará das oportunidades que abren os fondos europeos Next Generation, que, segundo o Observatorio Vodafone da Empresa, supoñen “unha garantía para acometer con éxito a transformación dixital das organizacións”.
A cita conta co apoio de Microsoft e Atos. Comezará ás 10.00 horas cunha presentación a cargo de Francisco Vallejo, director territorial en Galicia de Vodafone Business, que presentará o Informe de Dixitalización do Observatorio Vodafone. A continuación será a quenda de Marc Vidal, co relatorio Visión do Posto de Traballo Dixital, a partir das 10.05 horas. Ás 10.20 Marc Vidal entrevistará á directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, sendo os fondos Next Generation o fío temático do coloquio. A cita rematará un pouco máis tarde, cunha mesa redonda arredor da seguinte cuestión: Evolución das novas formas de traballo e dixitalización, moderada por Marc Vidal. Participarán Antonio Cruz, director de Modern Worplace España de Microsoft, Jorge González, director de Strategic Deals e Workplace de Atos, María José García, directora da Área de Modernización AAPP de AMTEGA, e Richard Villaverde, CIO de CAPSA Food (Central Lechera Asturiana).
Vodafone e Marc Vidal achegan ante as empresas galegas as claves dunha óptima transformación
Compartir Este Artigo

