O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura e Educación veñen de fallar a quinta convocatoria do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2021, unha iniciativa formativa, creativa e lúdica para sensibilizar ás e aos menores na necesidade de facer un uso axeitado das ferramentas dixitais e de salvagardar a información propia e allea no seu día a día online. Participaron un total de 21 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO de toda Galicia.
Os gañadores desta edición foron: Úrsula Pérez Ucha, de 5º de Primaria do CPI Plurilingüe José García, en Ourense, polo seu traballo A historia das filloas máis raras do mundo”, onde conta a historia da avoa María e as súas filloas, as mellores de Galicia, que comeza a promover en Instagram grazas aos consellos sobre protección de datos da súa neta Uxía, pero sofre un hackeo para roubarlle a súa receita secreta; e Inés Rey Torres, de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, que resultou gañadora grazas ao traballo Trincheiras enredadas no que relata dúas historias para exemplificar como a falta de anonimato e protección de datos podería ter afectado ás persoas durante os anos da Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa.
“A privacidade das persoas na Rede mantenas seguras. Non debemos permitir que o desexo de información, likes e followers, desemboque na falta de empatía e respecto pola integridade, a intimidade, a dor e o sufrimento das persoas. A favor da privacidade na rede, guerra sen cuartel”, indica Inés Rey no seu escrito gañador.
As dúas gañadoras recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o CPI de Cova Terreña de Baiona recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou, un total de oito propostas.
Este concurso ten por obxecto “que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
O quinto concurso literario do CPEIG sobre protección de datos xa ten gañadoras
Compartir Este Artigo

