A comarca lucense da Mariña, a través da Mancomunidade dos concellos e co apoio firme da Deputación, leva xa uns anos transformando as experiencias turísticas dos visitantes e os residentes a través dunha aposta polas audioguías teatralizadas para dar a coñecer os seus centros históricos (e as súas historias). Estes recursos para dispositivos móbiles habilitáronse en Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo, ao tempo que se apostaba por ofrecelos en varias linguas para acrecentar ao máximo o alcance do servizo. Posteriormente a iniciativa recibiu un novo impulso en Lourenzá e Alfoz. Este 19 de xuño, sen ir máis lonxe, presentouse a audioguía local de Lourenzá, cuxas historias foron interpretadas novamente polo grupo de teatro Chévere.
Esta experiencia, dispoñible en varios idiomas nos devanditos cinco concellos, pode descargarse gratis na web da Mancomunidade ou alugarse xunto a auriculares illantes nas oficinas de turismo por un prezo de 2€.
Apoio da Deputación
A Deputación de Lugo apoia as audioguías ficcionadas que se presentaron este sábado no salón de actos do Consistorio de Lourenzá e que axudarán a mellorar a experiencia turística dos visitantes en varios concellos da comarca. A deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou na presentación deste proxecto, xunto a Francisco Cajoto, presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e alcalde de Foz; Rocío López García, alcaldesa de Lourenzá; Jorge Val Díaz, alcalde de Alfoz; Paloma Vázquez Fernández, xefa de área provincial de Turismo de Galicia; e Xesús Ron, director do proxecto.
“Dende a Deputación de Lugo traballábamos, xa antes desta crise sanitaria, nun modelo de turismo sustentable, non masificado, que pon o acento na experiencia de cada visitante. Un turismo que aposta polo patrimonio, pola gastronomía, pola natureza e pola cultura”, apuntou García Bermúdez. A deputada engadiu que este enfoque, compartido co que ten a Mancomunidade da Mariña, “permítenos sacar aínda máis partido ás moitas potencialidades que temos como destino turístico”.
Paseos de menos de 50 minutos
As diferentes historias sonoras que se presentaron este sábado en Lourenzá duran menos de 50 minutos, están interpretadas polo grupo de teatro Chévere e serven, segundo se lembrou, “para transmitir o patrimonio e a idiosincrasia dos municipios mariñaos”. Son desfrutables de xeito individual, en parella ou en grupo. Están dispoñibles en galego, castelán, inglés e francés, e poden reproducirse ou descargarse gratuitamente nos dispositivos móbiles, MP3 ou MP4 desde a páxina web da Mancomunidade mariñá.
Para gozar da experiencia, os creadores recomendan auriculares illantes, que aproveitan mellor o son envolvente.
A Mancomunidade da Mariña e a Deputación de Lugo amplían o alcance das súas audioguías turísticas
Compartir Este Artigo

