Vodafone anunciou este xoves 24 de xullo o despregamento da que sería a primeira rede core 5G SA (stand alone) precomercial en España, tras o fornecemento progresivo e selectivo en contornas empresariais e industriais de redes 5G SA desenvolvido en 2020. Segundo a operadora, este fito tamén foi posible grazas a terse convertido “na primeira compañía en pór en marcha a rede 5G comercial en España en xuño de 2019”.
A nova rede core 5G SA precomercial consta dun novo core 5G proporcionado por Ericsson (Cloud Native 5G Core de Ericsson), totalmente independente da rede 4G existente na actualidade, o que, segundo explica a empresa de telecomunicacións, “permite novas funcionalidades como Network Slicing que habilita unha latencia que podería chegar a ser inferior a 10 milisegundos en condicións ideais e mellora a estabilidade da rede e a súa performance”. Ademais, esta evolución supón unha mellora na eficiencia da batería dos smartphones 5G.
A nova infraestrutura de rede core 5G SA precomercial, é accesible inicialmente a través de dispositivos intelixentes fabricados por Samsung que achegarán aos usuarios ás funcionalidades da nova rede.
Vodafone traballará conxuntamente con Ericsson e Samsung para continuar co desenvolvemento de aplicacións e casos de uso 5G que melloren múltiples sectores de actividade económica e a calidade de vida das persoas. Algúns destes casos, grazas á baixa latencia desta rede, son a automatización industrial e o control de procesos de produción, a integración de sensores de cámaras e drons como entrada para modelos dixitais, as operacións a distancia no sector médico ou o traballo conectado a través de realidade estendida mellorando a seguridade en interaccións con máquinas.
Vodafone desprega a primeira rede core 5G SA precomercial en España
Compartir Este Artigo

