A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), vén de fallar os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito no subministro de coñecemento dende o ámbito investigador ás empresas e, tamén, fitos en implantación de tecnoloxía nas empresas. Nesta sétima edición recibíronse un total de 32 propostas para as tres categorías do certame. Distinguiuse unha vacina para a acuicultura mariña, un biomaterial para a rexeneración ósea e unha tecnoloxía de recoñecemento facial para combater fraudes (Alice Biometrics e Gradiant).
O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da RAGC, Fernando Pérez González, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerce como secretario do xurado; María Diéguez Gómez e Elena Polo Prieto de Gain, Norberto Penedo Rey do IGAPE, e Luis Alfonso Álvarez Sestelo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Os tres traballos distinguidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

O Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada, dirixido a recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, recaeu nun proxecto titulado Utilización de proteínas da parede celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura. Foi realizado por sete investigadores das universidades de Santiago e A Coruña: Manuel Luis Lemos Ramos, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Carlos Jiménez González, Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC); Miguel Balado Dacosta, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); Katherine Valderrama Pereira, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC; Antón Vila Sanjurjo, Facultade de Ciencias da UDC; Diego Rey Varela, do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago (USC); e Jaime Rodríguez González, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC. O xurado valorou “a calidade do traballo e a importancia da temática de técnicas de bioloxía molecular para a produción de novas vacinas cara a prevención de enfermidades de peixes en acuicultura mariña”.

Solución de verificación de identidade durante o onboarding
Por último, o Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics S.L., xurdida da colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicaciones de Galicia –Gradiant–. O xurado valorou especialmente “o carácter innovador da tecnoloxía de identificación de identidade no proceso de rexistro dixital e o éxito temperá no mercado”. Alice Biometrics é unha empresa fundada en xuño de 2019 como firma innovadora xurdida do Centro Tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo. Nace coa misión de explotar comercialmente a solución de verificación de identidade desenvolvida neste centro durante máis de oito anos, recibindo o apoio do programa IGNICIA de GAIN.
Esta transferencia tecnolóxica permitiu a Alice lanzar un produto comercial en catro meses, pechando os primeiros clientes no 2019 e conseguindo unha facturación acumulada de máis dun millón de euros de 35 clientes en menos de dezaseis meses. A maiores, deuse entrada a un financiamento de dous millóns de euros no 2020 do centro tecnolóxico e tres fondos de investimento, Mundi Ventures, Xesgalicia e Vigo Activo.
O produto Alice comercializa unha solución que permite “dar de alta novos clientes en remoto de forma rápida, automática e segura”. Amais, destaca a RAGC, “resolve o problema de rexistro online de aquelas entidades que necesitan confirmar a identidade dos seus clientes a través da revisión dos seus documentos de identidade de forma desasistida e segura”.
A RAGC recoñece a Alice Biometrics pola súa tecnoloxía de recoñecemento facial anti-fraudes
Compartir Este Artigo

