O Concello da Coruña activou este 28 de xuño unha oficia virtual de graffitis, na que a veciñanza poderá dar conta de pintadas ilegais na cidade enviando unha mensaxe á conta de correo electrónico oficinavirtualgraffiti@coruna.gal. A concelleira de Medio Ambiente sinalou que se trata dun servizo pioneiro en España, unha ferramenta que se pon en marcha ao mesmo tempo que se estuda dende o Concelloa creación de novos espazos na cidade para que as e os graffiteiros realicen este tipo de manifestacións artísticas, “de xeito coidado e legal”.
A concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, anunciou que se contará coa colaboración coa Patrulla Verde da Policía Local, a empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria e máis a firma Orión Analistas, que traballarán de forma conxunta co fin de axuntar todos os recursos existentes para a xestión das pintadas ilegais.
“Trátase dunha ferramenta áxil e eficaz dirixida ao control integral e á eliminación das pintadas vandálicas realizadas na cidade que contará coa colaboración veciñal para dar conta destas pintadas ilegais”, apuntou a edil. Explicou que a nova oficina traballará na creación dunha base actualizada dos graffitis non autorizados existentes, na identificación de graffiteiros/as activos/as e na creación de informes periciais para a posterior tramitación dos correspondentes expedientes sancionadores e limpeza de fachadas.
A veciñanza pode desde hoxe avisar ao consistorio das novas pintadas ilegais enviando unha mensaxe a oficinavirtualgraffiti@coruna.gal. A partir do 1 de xullo estará dispoñible unha sección na web municipal de Medio Ambiente con información relativa ás actuacións que se están a realizar en materia de limpeza de pintadas. Amais, achegarase o modelo de autorización da propiedade para a limpeza de superficies que entrañen dificultades especiais, así como un formulario que poderán cubrir as persoas titulares que non queiran que o Concello interveña na limpeza as pintadas das súas fachadas.
O Concello da Coruña pon en marcha unha oficina virtual de graffitis
Compartir Este Artigo

