O observatorio OSIMGA, dependente de AMTEGA, presentou un novo estudo sobre o nivel de implantación das novas tecnoloxías nas nosas vidas, desta volta poñendo o foco nos nosos fogares e no empurrón dixitalizador determinado pola pandemia, que incrementou boa parte das cifras. O estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2020 mostra un alto nivel de introdución das TIC na nosa terra, de feito faise saber que o ano pasado máis de 99% das persoas de entre 16 e 34 anos, e o 98,3% de entre 35 e 44, declaran que usaron a Rede nos últimos tres meses.
Tamén se achegan os seguintes datos de interese: o uso de Internet entre as persoas de entre 16 e 44 anos en 2020 foi practicamente universal en Galicia, con porcentaxes moi similares aos da media española e europea; e entre os 16 e os 74 anos, preto do 88 por cento da cidadanía galega empregou a Rede, a mesma porcentaxe que na Unión Europea e lixeiramente por debaixo da media española, que é dun 93,2%.
Galicia situouse na media europea no uso de Internet grazas ao incremento experimentado entre 2017 e 2020, que foi dun 11,9 por cento, fronte ao 10,2 por cento da media española e o 7,3% da UE.
Segundo o estudo, nove de cada dez fogares galegos (90,3%) ten un servizo de Internet contratado. Esta porcentaxe supón un incremento dun 7,4% respecto ao ano 2017 fronte ao 4,6% de aumento da media europea nese mesmo período.
O informe, confirma que, no ano 2020, “o proceso de dixitalización da poboación galega consolídase no contexto da pandemia provocada pola COVID-19, impulsada por novos comportamentos e hábitos da cidadanía”. Así, as vídeo-chamadas, a procura de información sobre as circunstancias sanitarias, a compras online ou o ocio a través de Internet impulsaron os indicadores de dixitalización, e fixérono máis intensamente entre os colectivos que, tradicionalmente, presentaban unha menor inclusión dixital (persoas maiores ou residentes no rural).
O crecemento na contratación a internet rexístrase especialmente nos núcleos de menos habitantes. Nas entidades de poboación con menos de 5.000 persoas, a contratación de Internet sitúase no 84% e o incremento rexistrado no período 2017-2020 foi do 14%. Nos concellos que teñen entre 5.001 e 10.000 habitantes, a porcentaxe elévase ao 88,4% e o incremento nese mesmo período supera o 18%.
Máis velocidade
O 58,4% dos fogares galegos que ten contratado Internet conta cunha conexión á rede superior a 30 Mbps, o que supón un incremento do 14,5% respecto ao ano anterior. Así se recolle no estudo que destaca tamén que a porcentaxe de fogares con velocidade de conexión á Rede superior a 100 Mbps triplicouse no período 2017 a 2020, situándose no 27,2% fronte ao 9,9% que rexistraba no ano 2017.
Aumenta a nivel de dixitalización da cidadanía galega
No informe tamén se fai fincapé no seguinte dato: “Nos últimos anos, os despregamentos de novas infraestruturas de telecomunicacións ou as iniciativas de capacitación dixital como a que ofrece a rede de aulas CeMIT contribuíron de xeito notable ao incremento do uso das tecnoloxías na cidadanía galega”.
O dispositivo máis estendido entre a cidadanía de Galicia é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet –smartphone-, do que dispón o 90,8% da poboación. O 87,7% das persoas de Galicia de 16 a 74 anos utilizou Internet nos tres últimos meses, un 2,5% máis que o ano anterior. No caso de convivir con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria, a porcentaxe de uso de internet ascende ao 95,9%.
En termos absolutos, máis de 1.737.900 persoas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que representa un incremento de máis de 169.015 internautas nos últimos catro anos.
Entre os galegos/as que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 89,8% faino a diario, dato que supera lixeiramente a media estatal (89,1%).
Aumento no uso de internet entre as persoas con discapacidade e xubiladas
O informe sinala tamén que “estudantes, ocupados e persoas con nivel formativo secundario ou superior acadan un uso practicamente universal de Internet, porén, cabe salientar que os colectivos que máis aumentan o seu nivel de dixitalización no último ano son as persoas con algún tipo de discapacidade (+17,8%), as persoas xubiladas (+11,4%) e as que realizan tarefas do fogar (+7,5%)”.
Compras a través de Internet e Administración Electrónica
A investigación fai saber que “o ano 2020 supuxo un punto de inflexión no que se refire ás compras online e as xestións coas Administracións Públicas a través de Internet”. Así, dise, “impacto da pandemia da COVID-19, as limitacións á mobilidade e as medidas sanitarias aumentaron as compras de produtos e servizos a través de Internet e o uso da eAdministración”.
No ano 2020 as compras por Internet incrementáronse un 12,5%, acadando unha porcentaxe de 58,5%. Os mozos/as con idades comprendidas entre os 25 e 34 anos acadan a maior porcentaxe de compra a través de Internet (88,6%).
No referente á eAdministración, a porcentaxe de internautas galegos que interactuaron coas AAPP a través de Internet nos últimos doce meses para obter información foi do 75% no ano 2020, “o que supón un incremento do 6,2% no último ano e sitúa a Galicia por riba dos valores estatais e europeos”.
O emprego da Rede en Galicia igualouse coa media europea no período 2017-2020
Compartir Este Artigo

