Non é ningunha sorpresa que certas aplicacións superfluas só teñen como intención a captación de datos dos usuarios, pero estes días están a dar conta dunha serie de aplicacións que veñen de ser retiradas da tenda de aplicacións de Google tras detectarse que eran realmente software malicioso, actuando como troianos que no seu conxunto tiñan superado os 5,8 millóns de descargas e que buscan principalmente roubar nomes de usuario e contrasinais de Facebook.
A aplicación máis descargada aos 10 detectadas sería PIP Photo, desenvolvida por Lillians, e que superaría os 5 millóns de descargas, mentres que outra chamada Processing Photo tería superado o medio millón de descargas, mentres que o resto de aplicacións detectadas terían un impacto moi reducido. En calquera dos casos as aplicacións estaban a pasar desapercibidas xa que eran funcionais, ou sexa, que realizaban o que prometían, pero requirían a identificación dos usuarios na súa conta de Facebook dun xeito inseguro, que facilitaba o roubo das credenciais.
Temos así que non só habería que recomendar instalar aplicacións só de fontes fiables, senón tamén de desenvolvedores recoñecidos, xa que hai aplicacións maliciosas que superan certos filtros e poden chegar a afectarnos, algo do que non se libra ningunha das tendas de aplicacións (nin sequera a de Apple, á que, por exemplo, se lle teñen coado aplicacións que facían cargos irregulares).
Detectan aplicacións para Android que roubaban credenciais de Facebook
Compartir Este Artigo
