A Universidade de Vigo e o Consello Económico e Social de Galicia asinaron un convenio de colaboración centrado nos retos e oportunidades da transformación tecnolóxica da nosa terra a nivel empresarial e social: o proceso que se coñece como dixitalización, e que implica, a nivel detallado, asumir tarefas, prácticas e metodoloxías como o teletraballo, as vídeo-conferencias, as compras en liña ou a banca dixital. En concreto, o CES encargou á UVigo unha diagnose rigorosa sobre todo este proceso, un estudo liderado polo catedrático Xosé Henrique Vázquez e que levará por título Galicia 2030: unha dixitalización 4.0 para unha sociedade 5.0.
O presidente do CES, Agustín Hernández, e o reitor, Manuel Reigosa, quen agradeceu a confianza depositada polo CES na UVigo, asinaron este 11 de xullo o convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha do informe, un estudo que, segundo indicaron tras a sinatura do acordo, incluirá ademais dunha diagnose detallada do estado actual deste proceso, a identificación dos principais retos aos que se debe facer fronte e o debate de propostas.
“Falamos dun informe moi detallado do que significa e do que vai a significar un fenómeno que xa está no día a día da sociedade e que a pandemia provocou que tivera unha grande explosión no seu desenvolvemento”, subliñou o presidente do CES. Nesta liña, tanto Hernández como Reigosa coincidiron en salientar a “ampla experiencia” coa que contan as investigadoras e investigadores da agrupación Ecobas e, máis concretamente, o grupo Rede (Research in innovation, energy and the environment) liderado por Vázquez e que conta xa cunha ampla traxectoria de investigación sobre os determinantes da dixitalización, o seu despregue nas organizacións e as súas consecuencias económicas e sociais.
Segundo sinalaron, a investigación avaliará o avance da transformación tecnolóxica en Galicia co “obxecto de definir os retos aos que se enfronta a comunidade en catro ámbitos básicos: cidadanía, empresa, emprego e relacións laborais”, explica o director do estudo, Xosé Henrique Vázquez.
No ámbito da cidadanía e a democracia abordaranse aspectos como a privacidade na análise de datos, a seguridade nas conexións, a manipulación mediática, a transformación do sector público ou as fendas dixitais… No caso da empresa e a competitividade trataranse cuestións como o emprendemento dixital, a gobernanza, os equilibrios entre eficiencia organizativa e dixitalización ou como se ven afectados por este fenómeno os diferentes modelos de negocio. En canto ao emprego e ás cualificacións abordaranse as posibles vías de evolución da contratación, os riscos da automatización de postos ou as novas habilidades que cada vez se requirirán máis. O cuarto eixe artellarase en torno ás relacións laborais, e nel afondarase nos retos que supón a dixitalización a nivel salarios, horas de traballo ou na propia representación colectiva.
A UVigo e o CES queren coñecer e afrontar os principais desafíos da dixitalización galega
Compartir Este Artigo

