O Concello da Coruña lanza unha aplicación móbil que narra a historia de Emilia Pardo Bazán con tecnoloxía de realidade aumentada, desenvolvida pola empresa galega Xoia. A alcaldesa Inés Rey presentou esta semana a ferramenta, na praza de María Pita, remarcando que estamos ante unha das actividades para “conmemorar a nivel local o centenario do pasamento de dona Emilia”. A ferramenta, dispoñible dende este 13 de xullo para Android e iOS co nome de A Coruña de Emilia Pardo Bazán, ofrece un roteiro polas localizacións máis sobranceiras, emblemáticas e literarias da Marineda (o nome coa que a escritora galega designaba á Coruña) de “xeito inmersivo e interactivo”.
A rexedora explicou que estamos ante un percorrido innovador pola Coruña que nos descobre a cidade da man da escritora, que vai relatando coa súa voz recreada e transportando aos distintos espazos nos que ela desenvolveu a súa vida e a súa produción literaria. Espazos destacados como a praza da Palloza, onde se relata a historia das cigarreiras en referencia á súa obra La Tribuna; a praza de María Pita, onde se narra a historia da cidade co enfoque da emigración, cultura e historia da Coruña; o monumento a Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez, onde se conta a súa experiencia facéndose un oco no mundo da literatura española, e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán na rúa Tabernas, onde se abre a parede e vese a reconstrución do estudo de dona Emilia cun enfoque máis familiar.
Xoel Vázquez Dios, fundador da empresa creadora desta aplicación, Xoia, indicou que se trata de “empregar a tecnoloxía da Realidade Aumentada para cambiar o paradigma do xeito en que contamos unha historia”. E engadiu: “A propia Emilia aparecerá en 3D, como se a tivésemos diante, e vainos explicar da súa propia voz a historia da cidade, acompañada doutros elementos 3D que nos axudarán a mergullarnos na historia como se a estivésemos a vivir”.
Unha aplicación narra a historia de Pardo Bazán con realidade aumentada
Compartir Este Artigo

