A febre por copiar o formato de historias tan popular en Instagram no resto de plataformas sociais está a ter resultados moi desiguais, e no caso de Twitter resulta evidente que os Fleets, estreados globalmente o pasado mes de novembro, non conseguiron atraer o interese dos usuarios, de xeito que pasaron a converterse nun desaproveitamento do espazo na aplicación móbil (xa que o espazo que ocupan está completamente baleiro para moitos usuarios), de aí que optasen por unha solución cirúrxica e anuncien que o 3 de agosto os Fleets desaparecerán de Twitter.
Dende Twitter aseguran que os Fleets non conseguiron atraer a novos usuarios nin potenciaron a conversa en Twitter, ou sexa, que non conseguiron ter un efecto positivo, aínda que da experiencia conseguiron extraer coñecemento que aplicarán nos vindeiros meses. Por exemplo, consideran que o espazo que actualmente ocupan os Fleets podería manterse para os Espazos de Twitter (aínda que este mes comezaron as probas dun novo xeito de acceder aos Espazos que podería mudar isto) e tamén incorporarán funcións do creador de Fleets á cámara de Twitter.
Cómpre lembrar que nos últimos meses Twitter incorporou máis novidades que nos últimos anos, ou sexa, que a compañía está nun proceso de transformación no que será habitual ver como algúns experimentos saen mal (por exemplo, os chíos de audio están actualmente no limbo), polo que debemos afacernos a ver como certas funcións veñen e van ata que atopen o camiño que a compañía precisa para manter a súa plataforma viva.
Twitter di adeus ás súas historias
Compartir Este Artigo
