O Grao en Informática e os Mestrados en Informática e en Camiños, Canais e Portos da Universidade Galega veñen de acadar selos de calidade internacionais que avalan a súa formación. Concretamente os recoñecementos Eur-Ace e Eur Inf, que recolleron este 16 de xullo, formalmente, a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Isabel Martínez Lage, e a decano da Facultade de Informática, Mariano Cabrero Canosa.
Segundo informou a UDC, estes selos de calidade certifican o recoñecemento e o cumprimento de estándares de calidade con prestixio internacional dos Selos Internacionais de ANECA (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación), que aproximan a universidade ao mundo profesional e apostan pola busca da excelencia e a adquisición de competencias esenciais para os seus egresados e egresadas.
En concreto, a Universidade da Coruña obtivo o selo Eur-Ace no Mestrado Universitario de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, que os suma aos conseguidos nas titulacións de grao; e o selo Eur-Inf no Grao en Enxeñaría Informática e no Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática.
A vicerreitora Nancy Vázquez Veiga destacou a oportunidade que supón acadar estes certificados, que están moi considerados polo alumnado doutros países á hora de elixir universidade para completar a súa formación, polo que pode servir tamén como aliciente para que veñan máis estudantes foráneos a estes centros.
O reitor Julio Abalde explicou que tamén servirán para “mellorar o recoñecemento dos nosos titulados noutros países”. Tamén agradeceu o traballo realizado polos responsables de Calidade dos centros e da UDC pois conseguir estes selos internacionais “é moi complicado e difícil porque son acreditacións con requisitos moi esixentes”.
ANECA é unha fundación que ten como obxectivo contribuír á mellora da calidade do sistema de educación superior mediante a avaliación, certificación e acreditación de ensinanzas, profesorado e institucións.
Recoñecemento internacional ao Grao en Informática e aos Mestrados en Informática e Camiños da UDC
Compartir Este Artigo

