A entidade ACADAR, Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, puxo en marcha unha investigación sobre o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) tralo impacto da COVID-19. O estudo participativo pon o foco, directamente, no ámbito feminino galego, máis polo miúdo nas mulleres con diversidades funcionais, cognitivas ou motrices. O obxectivo é coñecer a nova realidade tecnolóxica e social que nos deixa a pandemia, cunha “inmensa fenda dixital que compromete a calidade de vida das mulleres con discapacidade, dificultando o acceso ao emprego, á educación, ao ocio e aos distintos recursos que pola súa situación teñen dereito”.
ACADAR mostrou o seu interese por acadar a máxima participación no informe en desenvolvemento, que servirá, entre outras cousas, para coñecer “o alcance real do impacto da COVID a nivel tecnolóxico” e definir “medidas e accións adaptadas ás necesidades reais das mulleres e minimizar esa fenda dixital garantindo a igualdade real de oportunidades”.
Respecto dos porqués desta investigación, a asociación lembra que “os meses de confinamento en 2020 e as diversas restricións posteriores provocaron que a maior parte da sociedade incrementara o uso das tecnoloxías tanto para teletraballar, para estudar e formarse, para manter o contacto con outras persoas, ou como para realizar compras, pagos ou outro tipo de xestións de carácter administrativo”. En consecuencia, sinalan, “o confinamento non só abriu un mundo de posibilidades, se non que acrecentou a fenda dixital existente, xa que unha gran parte da sociedade, sobre todo mulleres con discapacidade, quedaron totalmente illadas con respecto ao resto das persoas, xa fora por descoñecemento do emprego das TIC ou pola zona xeográfica na que residen, o cal tamén pode supoñer en certa maneira un obstáculo para o desenvolvemento coas novas tecnoloxías debido á unha menor infraestrutura”.
ACADAR impulsa unha investigación sobre a presenza actual das TIC nas mulleres con discapacidade
Compartir Este Artigo

