O Concello de Ferrol vén de rematar o obradoiro en novas tecnoloxías para o colectivo migrante do termo municipal que comezou no mes de marzo. A Concellería de Benestar Social que dirixe Eva Martínez Montero deseñou o programa Acompáñote na túa viaxe, desenvolvido en colaboración coa asociación Mobilidade Humana co fin de combater a fenda dixital que afecta ao colectivo migrante.
O plan xurdiu tras coñecer os resultados dunha enquisa desenvolvida pola entidade que guindou datos preocupantes sobre como afecta a fenda tecnolóxica a estes colectivos. Datos coma estes: que o 30 % non ten ordenador, que o 47 % descoñece o certificado dixital ou que o 56 % non sabe solicitar cita en liña para o padrón.
A edil explicou que a estes datos súmanse as consecuencias da pandemia, que incrementaron a brecha dixital ao establecerse unha necesidade extra de traballar, formarnos, comunicarnos e interactuar a través das novas ferramentas. Por estes motivos, dixo, “desde o Concello consideramos importante ofrecer obradoiros para, por unha banda proporcionar formación en novas tecnoloxías, algo fundamental hoxe en día, e por outra, ofrecer asesoramento e tamén medios, entre os que se contan computadores e accesos Wi-Fi, para levar a cabo as súas propias xestións”.
O programa desenvolveuse nas dependencias municipais da Casa Solidaria e en centros cívicos da cidade e del gozaron 15 persoas de entre 35 e 68 anos. Durante a formación observouse que moitos dos usuarios comezaron o obradoiro sen saber manexar as ferramentas para deseñar os seus currículos e presentaban dificultades para facer trámites en liña.
En Ferrol remata o obradoiro para reducir a fenda dixital no colectivo migrante do concello
Compartir Este Artigo

