Adamo vén de comunicar que a súa fibra óptica xa está activa en Alfoz, con todo o que isto implica para vivendas e empresas (posibilidade real e efectiva de teletraballar, vídeo-conferencias sen cortes, trámites coas administracións, atención médica a distancia, acceso a múltiples plataformas de streaming nas mellores condicións, etc). A operadora, sen ben confirmou que só contan co sinal proporcionado “un puñado de vivendas”, a previsión é estender o servizo (en palabras de Adamo “a fibra óptica máis rápida de cantas están dispoñibles hoxe no mercado, con 1.000 Mbps de velocidade”) en datas vindeiras a todo o conxunto do municipio.
Adamo instalará a infraestrutura tanto nos núcleos máis poboados de Alfoz como os que teñen unicamente uns poucos veciños: Castro de Ouro (19), Reirado (44) e Ouvirás (67). A eles únense Pereiro (116), Bacoi (174), Adelán (229), Carballido (256), Lagoa (278) e Mor (467). En total, 1.650 poboadores en nove parroquias.
Adamo conta para este despregamento coa colaboración das autoridades locais, en particular, do alcalde Jorge Val. O rexedor e David Llano, responsable de Adamo en Galicia, reuníronse con representantes das diferentes parroquias do termo municipal para darlles conta das posibilidades que se abren coa Internet de alta velocidade en todo o ámbito rural.
Máis de 50.000 vivendas conectadas en Lugo
Desta maneira, o operador prosegue co seu desenvolvemento en Lugo, provincia na que xa fornece de sinal a 50.000 fogares, facendo especial fincapé na zona da Mariña. Entre outros concellos, en Begonte, Cervo, A Fonsagrada, Xove, Barreiros, Lourenzá ou Foz, así como na parroquia de Celeiro.
Máis de 76.500 domicilios en Lugo
Estes avances en Alfoz enmárcanse no que Adamo cualifica de “firme aposta por Galicia”, onde ten previsto instala Internet de alta velocidade en 26.530 inmóbeis ao longo de 2021 e 2022. Sumados ás 50.000 actuais, Adamo alcanzará un total que pasa as 76.500 vivendas na súa rede lucense a finais de 2022.
Este proceso apóiase, por unha banda, nas subvencións do Programa de Banda Larga de Nova Xeración (PEBA) do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, que está co-financiado pola Unión Europea (UE). En conxunto, Adamo resultou adxudicatario de 80 millóns de euros para dotar de fibra óptica a preto de 500.000 vivendas situadas en 20 provincias. Dese orzamento, máis de 5,8 millóns destinaranse á instalación desta infraestrutura en Lugo para facilitar, así, a comunicación dos xa citados 26.530 fogares. Por outra banda, esta expansión é posible grazas tamén aos investimentos de Adamo, que agregará capital propio para o subministro de Internet de alta velocidade.
A fibra óptica de Adamo chegará ás nove parroquias do concello lucense de Alfoz
Compartir Este Artigo

