
ITG é, de feito, o único centro tecnolóxico galego elixido para participar en CEL.IA, a rede estatal de excelencia investigadora Cervera que axudará ás empresas (cunha dotación de 3,9 millóns de euros) a implementar nos seus procesos soluciones baseadas en Intelixencia Artificial (IA). En base a isto, o centro tecnolóxico ITG continuará traballando en superar as barreiras para que esta tecnoloxía (e outras asociadas como a Realidade Virtual e Aumentada, a Visión Artificial ou o Procesamento de Linguaxe Natural) poidan ser incorporadas nos seus procesos de negocio.
Para Óscar González Represas, director da división TIC e Enxeñaría de Software en ITG, “este recoñecemento supón un novo salto cualitativo que nos permitirá prestar máis e mellores servizos nos próximos anos á industria e ás empresas no ámbito da Industria 4.0”.
Segundo confirma a dirección do instituto no plano máis detallado, o ITG traballará coas empresas nas áreas de Visión Artificial (VAI) e de Procesamento de Linguaxe Natural (PLN). No primeiro caso, encargarase do deseño e aplicación de novas técnicas baseadas en Aprendizaxe Profunda (Deep Learning) que permiten interpretar a información visual que recolle calquera tipo de cámara, tanto as convencionais RGB, como as térmicas, as multiespectrales, hiperespectrales, Lidar, etc. “O instituto conta cunha ampla experiencia previa neste eido”, explican fontes do ITG, poñendo o foco na súa experiencia materializando solucións enfocadas, por exemplo, á detección de vehículos emisores de gases contaminantes; á detección de defectos de calidade e fabricación nun produto final, así como á detección e clasificación de persoas en contornas concretas.

O ITG, recoñecido como centro de excelencia para impulsar a Intelixencia Artificial en España
Compartir Este Artigo

