Achegar un sólido alicerce tecnolóxico ao ámbito do patrimonio privado dos nosos centros históricos é un dos grandes obxectivos do proxecto HERIT, do que forma parte (xunto con sete entidades europeas) un grupo de investigadores do CITIC dirixidos por Laura Nieto Riveiro, xunto co CUFIE e o Grupo de Estudos Territoriais (GET) da Universidade da Coruña UDC.
En concreto, HERIT (Heritage Efficient management through Relevant IT use) é un proxecto financiado polo programa Erasmus+ e ten como obxectivo “apoiar e impulsar a preparación en materia de educación dixital dos propietarios de casas históricas, axudándolles a facer fronte ao impacto da situación derivada da pandemia do COVID-19 no turismo cultural, así como potenciar a importancia das casas históricas de propiedade privada e a súa crucial contribución ao patrimonio cultural europeo”.
Segundo informa o CITIC, o elemento central de HERIT é a creación dun curso en liña masivo e aberto (MOOC) destinado especificamente ás/aos titulares de casas históricas. As principais finalidades do curso son achegarlles habilidades e coñecementos axeitados para manter os seus edificios históricos en materia de desenvolvemento empresarial, competencias dixitais, marco normativo e xurídico…., así como mellorar a súa experiencia no uso de ferramentas dixitais.
O pasado mes de xuño tiveron lugar as reunións de inicio do proxecto, que terá unha duración de 24 meses.
O CITIC contribúe a dotar de competencias dixitais aos titulares de edificios históricos en Europa
Compartir Este Artigo

