Nos últimos anos as gráficas dedicadas para equipos informáticos centráronse en dúas grandes marcas, AMD e nVIDIA, quedando Intel como un fabricante de segunda división, situación que buscan remediar, polo que anuncian Intel Arc, unha nova marca de gráficas de alto rendemento, que comezaremos a ver no mercado no primeiro trimestre de 2022.
A marca Arc acubillará hardware, software e servizos, e a súa primeira xeración, baseada na microarquitectura Xe HPG, responde ao nome clave Alchemist, ao que seguirán xeracións futuras que levarán nomes como Battlemage, Celestial e Druid.
Con Alchemist teremos unha primeira xeración de Intel Arc que tirará proveito do ray tracing e a intelixencia artificial, así como tamén contará con soporte completo de DirectX 12 Ultimate. Deste xeito Intel busca facerse un oco no cada vez máis forte mercado dos videoxogos para PC, a realización de retransmisións mediante streaming e a creación de experiencias, para o que achegarán produtos en distintos formatos, de xeito que poderemos gozar de gráficos Intel Arc en ordenadores portátiles e de escritorio.
Intel entrará no mercado das gráficas gaming con Arc
Compartir Este Artigo
