Nun momento no que a guerra entre as plataformas dixitais de contidos é máis encarnizada ca nunca, YouTube quixo facer balance para destacar as facilitades que pon para que os creadores poidan sacar cartos da súa actividade, salientando que a súa aposta pola responsabilidade é boa para os negocios e a economía do creador. Con esta responsabilidade refírense principalmente a protexer a plataforma de mensaxes de odio, violencia, desinformación e acoso, de xeito que o sistema é seguro para os espectadores e digno de confianza para os anunciantes.
O Programa de Socios de YouTube a través do que comparten os beneficios publicitarios cos creadores ten xa máis de 14 anos, consolidándose como un dos principais impulsores da economía dos creadores a nivel mundial (aínda que nos últimos tempos Twitch estea a resultar unha plataforma máis atractiva para moitos creadores). Actualmente YouTube xa non se limita a compartir os ingresos publicitarios, senón que incorporou diferentes funcións de monetización que en moitos casos están inspiradas nas da competencia, o que se traduciu en que nos últimos tres anos puidesen pagar máis de 30.000 millóns de dólares a creadores, artistas e medios de comunicación a través do seu Programa de Socios.
Aseguran que actualmente hai máis de 2 millóns de creadores participando no Programa, e calculan que en 2019 nos EE.UU. o ecosistema creativo de YouTube apoiou ao equivalente a 345.000 traballos a tempo completo, polo que a disposición de contido de balde segue a ser unha fórmula válida para xerar unha economía a ter moi en conta.
YouTube repartiu entre os creadores máis de 30.000 millóns de dólares nos últimos 3 anos
Compartir Este Artigo
