Estamos afeitos a ver como algúns servizos en liña prometen protexer a intimidade dos seus usuarios, como acontece con redes VPN ou incluso con servizos de correo electrónico como ProtonMail, polo que a moitos sorprendeu o feito de que as autoridades francesas puidesen localizar a un activista que empregaba este servizo, xa que ProtonMail tería informado ás autoridades do seu enderezo IP.
Os feitos levaron a que ProtonMail tivese que clarexar o acontecido publicamente, asegurando que que Proton non colaborou coas autoridades francesas nin tampouco coa Interpol, senón que limitouse a cumprir unha orde xudicial das autoridades suízas. De feito, explican que teñen sede en Suíza porque o país ten unha lexislación que protexe a seguridade dos datos e a neutralidade, de feito que non atende a requirimentos de países que non respectan os dereitos humanos ou non contan con sistemas xudiciais garantistas (entre outras moitas cousas).
Proton comunicou o enderezo IP dun usuario por obriga legal, xa que o asunto pertencía a unha investigación criminal en Suíza, pero detallan que a información que poden divulgar é moi limitada, xa que a información que gardan está cifrada, ou sexa, que nin os correos electrónicos, os documentos adxuntos ou os calendarios dos usuarios vense afectados por ordes xudiciais, e tamén matizan que ante a lexislación suíza o correo electrónico e as redes VPN teñen un tratamento distinto, ou sexa, que o servizo ProtonVPN non está obrigado a gardar un rexistro de datos de usuario.
Ante a confusión que poden provocar os distintos niveis de protección ante reclamacións das autoridades, Proton está a indicar claramente a súa política e tamén conta cun informe de transparencia no que aseguran ter recibido máis de 700 reclamacións só en 2020, ante as que sempre se colocan na defensa dos usuarios.
O que debería quedar claro é que o anonimato absoluto na Rede non existe, e incluso as autoridades teñen chegado a localizar a usuarios que pensaban estar ocultos por usar a rede Tor ou por empregar unha conexión VPN.
ProtonMail facilita o arresto dun dos seus usuarios por imperativo legal
Compartir Este Artigo
