A grande competencia actual nas plataformas de xuntanzas en vídeo obriga a que incorporen novidades constantemente, e aproveitando a posta a punto que ten que facer Skype para adaptarse a Windows 11, anuncian melloras moi interesantes, como novas vistas que parecen inspiradas en Zoom e a posibilidade de que os usuarios sen cámara tamén figuren na grella (co seu avatar ou as súas iniciais), facendo así máis claras as xuntanzas en vídeo.
Skype tamén reforza a súa presenza en navegadores web, funcionando sen problema en Edge, Chrome, Safari e Opera, dende os que é posible participar en chamadas incluso sen rexistrarse, simplemente cunha ligazón que agora amosará unha miniatura para deixar máis claro onde nos metemos.
Pero a novidade máis rechamante que preparan para Skype é a TwinCam, unha función que permitirá engadir unha segunda cámara ao noso vídeo, simplemente escaneando un código QR dende o segundo dispositivo, o que pode resultar práctico para amosar un contido adicional, como algo do que se estea a facer unha demostración ou, simplemente, para poder perseguir a unha mascota rebuldeira coa cámara do móbil.
Microsoft tamén anuncia que a súa tecnoloxía de tradución automática poderá empregarse en Skype non só en videochamadas, senón tamén a través de chamadas telefónicas, facendo máis accesible unha tecnoloxía que parece sacada dun episodio de Star Trek.
Skype prepara interesantes melloras
Compartir Este Artigo
