A media tarde unha incidencia xeneralizada nos servidores de Facebook provocaron que os servizos de Facebook, Instagram e WhatsApp deixasen de funcionar a nivel mundial, tendo que recorrer cada unha das marcas a plataformas como Twitter para dar conta dos seus problemas técnicos, no que probablemente foi a peor caída de servizo na historia da compañía, non só por ter lugar durante máis de 6 horas, senón pola intensidade da incidencia, que basicamente borrou a compañía da Internet.
Aínda pendentes dunha explicación oficial do acontecido, distintos expertos deduciron que o problema experimentado polos servizos de Facebook foi consecuencia dunha actualización nos rexistros BGP da compañía, o que provocaría que os nomes de dominio de Internet da compañía desapareceran dos servidores de DNS (incluso chegaron a aparecer como dispoñibles para a súa compra a través dalgúns axentes rexistradores), ou sexa, que fosen imposibles de localizar, de xeito que nin funcionaban as súas páxinas web nin as súas aplicacións.
Esta incidencia tería sido moito máis grave do habitual porque non só deixou aos usuarios sen poder acceder a Facebook, senón que tamén aconteceu o mesmo cos traballadores da compañía, que incluso tiveron problemas para acceder ás súas instalacións (ao que se suma o feito de que moitos traballadores aínda desenvolven a súa actividade de xeito remoto), polo que a recuperación dos sistemas tería sido moito máis complexa que de costume.
A caída de Facebook, Instagram e WhatsApp tivo serias consecuencias para moitos profesionais que empregan estes servizos para o seu traballo diario, levou a que moitas persoas tivesen problemas para comunicarse (xa que actualmente WhatsApp é a principal ferramenta para contactar con moita xente), e incluso levou a que Telegram, TikTok e incluso Twitch tivesen problemas de funcionamento debido á avalancha de usuarios que chegou aos servizos ao non poder acceder aos de Facebook, confirmando unha vez máis a fraxilidade da Internet.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente Facebook publicou una nota oficial dando conta do fallo nos seus servidores, confirmando o que se rumoreaba: que un fallo na configuración da súa rede interna provocou un fallo en cascada que afectou a boa parte das súas ferramentas internas, dificultando a súa solución.
A compañía descúlpase polos problemas ocasionados e comprométese a mellorar a súa infraestrutura para que poida tolerar mellor fallos futuros.
