Nunha entrevista para a CNN, o vicepresidente de Facebook para Asuntos Globais, Nick Clegg, defendeuse das acusacións contra a súa compañía por antepor os seus intereses económicos ao benestar dos seus usuarios, especialmente no caso dos adolescentes, e aproveitou a ocasión para anunciar novas medidas que van incluír en Instagram, que basicamente consistirían en alertar aos mozos cando detecten que consomen o mesmo contido de xeito compulsivo, así como tamén teñen prevista unha función coa que suxerir aos usuarios que tomen un descanso cando leven demasiado tempo empregando a aplicación.
Clegg non foi quen de dar unha estimación sobre cando activarán estas novas funcións, que basicamente anuncian agora como un xeito de tentar mellorar a imaxe da compañía. Na propia entrevista, Dana Bash bota en cara a Clegg que estean a falar agora dos problemas da mocidade en Instagram cando os informes internos da compañía que advertían dos problemas tiñan un par de anos, deixando claro que Facebook non está a dar prioridade ao benestar dos usuarios amparándose en conceptos tan abstractos como a natureza humana (dando a entender que non teñen ningunha responsabilidade sobre as consecuencias do uso dos seus servizos).
Cómpre salientar que boa parte desta campaña contra Facebook está a buscar chamar a atención dos lexisladores, para que regulen detalles como os algoritmos que seleccionan os contidos que destacar nas redes sociais, especialmente se estes promoven a desinformación e odio, como sen ten comprobado que fai Facebook para captar unha maior atención dos usuarios cando está claro que esas prácticas son prexudiciais tanto para os individuos como para a sociedade en xeral.
Instagram prevé algunhas medidas para protexer á mocidade da propia aplicación
Compartir Este Artigo
