O Goberno central, a través do Ministerio de Política Territorial, puxo a disposición das cidades de máis de 50.000 habitantes axudas á dixitalización por valor (total) de 97,2 millóns de euros. Estas axudas, no relativo á provincia da Coruña e ás urbes potencialmente beneficiarias das mesmas (A Coruña, Santiago e Ferrol), foron debulladas nos seus detalles este luns 27 pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen salientou que se ben o prazo para acollérense a elas debía pecharse a mediados de decembro, foi finalmente ampliado ata este mércores 29 para “facilitar a presentación de solicitudes”.
María Rivas recordou que as cidades galegas dispoñen de 3,7 millóns de euros desta convocatoria, que se dirixe a municipios con máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia. Avanzou que haberá dúas novas convocatorias ás que poderán optar o resto de entidades locais ata esgotar os 391,4 millóns de euros que o Ministerio de Política Territorial adicará a esta liña de investimento.
Esta primeira orde conta cun orzamento total de 97,2 millóns de euros que o Ministerio distribuíu entre as entidades beneficiarias para garantir a cohesión no reparto territorial dos fondos. As contías son as seguintes: Vigo: 1.084.686,76 €; A Coruña: 921.112,64 €; Ourense: 393.002,95 €; Lugo 366.500,93 €; Santiago de Compostela: 364.004,74 €; Pontevedra: 309.735,86 € e Ferrol, 243.890,02 €.
A subdelegada do Goberno informou que o prazo de solicitudes foi ampliado do 15 ao 29 de decembro. Como dato importante, estas axudas poden concederse a proxectos que xa estean desenvolvendo as administracións locais beneficiarias. O período de execución dos proxectos subvencionados abrangue dende o 1 de febreiro de 2020 ata 31 de decembro de 2022.
María Rivas insistiu en que estes fondos supoñen “unha boa oportunidade para que as cidades galegas melloren e modernicen a súa organización coa incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación, dixitalización dos procedementos administrativos e adaptación da súa xestión a medios dixitais”.
Entre as actuacións obxecto de subvención hai algunhas que se consideran prioritarias e que son:
– Posta en marcha dun centro de operacións de ciberseguridade (de execución obrigatoria).
– Unha administración orientada ao cidadán, desenvolvendo os tres servizos máis utilizados en modo app móbil ou a través dunha interface adaptable integrada no Cartafol Cidadán da AGE.
– Operacións intelixentes. Posta en marcha dun proxecto para automatizar procesos de prestación de servizos ao cidadán.
– Desenvolvemento ou adaptación de servizos exentos de barreiras transfronteirizas para cidadáns e empresas europeas.
As cidades galegas dispoñen de 3,7 millóns para transformarse dixitalmente
Compartir Este Artigo

