Proseguen os avances dos nosos concellos en materia de cobertura de Internet, sendo este Nadal unha antesala informativa dun ano que virá cargado de proxectos de despregue para seguir loitando contra a fenda que separa os espazos urbanos do rural. Sen ir máis lonxe, dende o Consistorio de Nigrán anunciaron este mes de decembro que ao longo do ano vindeiro agárdase dotar á práctica totalidade do termo municipal de Internet de alta velocidade. Fíxoo saber o delegado do Goberno en Galicia José Miñones, nunha vista ao concello pontevedrés.
Nela engadiu que Nigrán é un dos 278 municipios de Galicia beneficiados pola nova iniciativa de despregadura de fibra FTTH do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital (o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Larga). Tamén dixo que a empresa adxudicataria para estes traballos, a operadora Telefónica, deberá levar estes equipamentos de última xeración ata 822 vivendas e empresas.
Así llo comunicou ao alcalde de Nigrán, Juan Gónzalez, durante a reunión que ambos os representantes mantiveron en días pasados para abordar os diferentes investimentos do Goberno no municipio.
A actuación abrangue o desenvolvemento de 74 proxectos só en Nigrán. Serán actuacións nas chamadas “zonas brancas de cobertura”, é dicir, en áreas que non teñen cobertura de redes de banda larga nin tampouco teñen previsión para recibila por parte dun operador nun prazo de tres anos con base a plans de investimento cribles.
Tal e como explicou o delegado, Nigrán é un dos 278 concellos galegos beneficiarios deste programa, que conta cun orzamento na Comunidade Autónoma de 30.183.840 euros e que busca “lograr a universalización do acceso á banda larga ultrarrápida, é dicir, de 100 Mbs ou superior, en todo o territorio, así como a aceleración do despregamento de 5 G, especialmente nas áreas rurais con maiores problemas de conectividade”. Detallou que, na provincia de Pontevedra, investiranse 6,4 millóns de euros en proxectos (dos que 3,3 M son achegados polo Goberno e o resto pola empresa instaladora) que beneficiarán a 58 concellos e 17.973 familias ou empresas.

