Dende MRW están a informar dunha vaga de fraudes a través de mensaxes de texto ao móbil no que instan aos usuarios a aboar gastos de envío dun paquete, redirixindo a unha falsa páxina web, recomendado unha vez máis o seguimento dunha serie de pautas de seguridade e lembrando que unicamente cobra gastos derivados de envíos oficiais realizados con eles (non solicitando nunca cantidades económicas mediante ligazóns para realizar as entregas) e tampouco solicita por correo electrónico datos bancarios ou de tarxetas de crédito.
O curioso desta última serie de fraudes é que a campaña na que se suplanta a identidade de MRW está a empregar datos reais como o localizador de envío e o nome no que se adquiriu un produto, polo que enténdese que houbo unha filtración de datos de MRW que axudaría a dar credibilidade aos calotes.
O Instituto Nacional de Ciberseguridade considera que a importancia desta ameaza de seguridade é alta, recomenda ignorar as mensaxes de texto recibidas e, no caso de ter picado na estafa instan aos usuarios a informar á entidade bancaria da situación, para bloquear a tarxeta de crédito e así evitar males futuros.
MRW protagoniza un calote que podería terse orixinado nunha filtración de datos
Compartir Este Artigo
