A confederación COGAMI comezou o ano facendo balance da súa actividade e o seu poder de convocatoria nas redes sociais onde, segundo fixo saber a entidade galega de colectivos de persoas con diversidades funcionais e cognitivas, foi quen de xuntar máis de 23.500 persoas seguidoras. Parte do éxito desta cifra débese ao intenso labor despregado este ano en materia de concienciación, sensibilización e difusión a través dos catro servizos que ten operativos: Facebook, Twitter, Linkedin e Instagram. As catro redes suman unha cantidade de persoas seguidoras que chega a acadar as 23.572, converténdose “nunha das organizacións representativas da discapacidade con máis seareiros”, explican dende COGAMI.
A entidade engade que Facebook foi a primeira rede social na que se embarcou a confederación e tamén é a que contempla o maior número de persoas seguidoras, pechando o ano con 10.775. Lnkedin séguea de preto con 8.471, ao igual que as 8.471 de Twitter e, a rede social Instagram, operativa dende o mes de febreiro para contar o día a día dos centros de recursos, conta xa con 1.037 persoas que a seguen.
Todas estas redes sociais abríronse para “publicar contidos cos que se pretende contribuír na creación dunha sociedade máis tolerante, empática e igualitaria en dereitos”, sinalan dende COGAMI, engadindo que “con estes obxectivos publicáronse durante 2021 máis de 1.100 contidos que tiveron unha resposta por parte das persoas seguidoras como así o indica as máis de un millón cento corenta mil visualizacións obtidas”.
Entre os contidos publicados resáltanse as dúas campañas lanzadas por COGAMI, unha delas para sensibilizar sobre a discapacidade orgánica durante o Día da Saúde e a outra, lanzada durante a semana do 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, na que se puxo o foco no valor social e como este beneficia ás persoas.
As redes sociais de COGAMI contan con máis de 23.500 persoas seguidoras
Compartir Este Artigo

