A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou este 3 de decembro a entrada en servizo dun equipo especializado para loitar dende Lugo contra a ciberdelincuencia. Trátase do Equipo @, un grupo da Garda Civil que adica recursos a rastrexar delitos tecnolóxicos e conseguir un ámbito dixital o máis seguro e protexido posible. Os obxectivos do grupo déronse a coñecer polo miúdo durante o transcurso dunha visita a Lugo na que Isabel Rodríguez estivo acompañada polo comandante xefe da Comandancia da Garda Civil, Carlos Bacelo.
A subdelegada explicou que a creación do Equipo @ supón un “reforzo na persecución dos ciberdelitos na provincia e advertiu aos cidadáns, especialmente nestas datas de Nadal nas que aumentan de xeito considerable as compras, da necesidade de utilizar só canles seguras e protexer sempre tanto a información bancaria como os contrasinais e outros datos persoais”.
A subdelegada indicou tamén que “a entrada en servizo do grupo é un importante paso que dá o Ministerio do Interior na loita pola seguridade no ciberespazo, xa que a ciberdelincuencia vai en aumento ao mesmo tempo que o fai o uso das novas tecnoloxías, a través das cales temos facilidades para facer todo tipo de compras, trámites, operacións bancarias ou solicitude de citas médicas”.
Rodríguez indicou que nos dez primeiros meses do ano, de xaneiro a outubro, a cibercriminalidade aumentou na provincia no ámbito da Garda Civil un 43,30%, xa que se rexistraron 509 delitos deste tipo mentres que no mesmo período do ano 2020 foran 379 e advertiu de que máis da metade, o 59,6% foron estafas con cartón de crédito.
O Equipo @ da Garda Civil de Lugo conta na actualidade con tres efectivos, que ampliará nun axente máis en breve. Os seus membros están especializados na loita contra a ciberdelincuencia, en particular nas estafas a través da Rede, que constitúen “un dos principais problemas neste tempo”, indicou a subdelegada, engadindo que estes equipos “foron creados para dar apoio aos postos da Garda Civil, proporcionándolles unha resposta especializada a este tipo de delitos”.
A Unidade ten a súa sede na Comandancia da Garda Civil de Lugo e leva traballando desde hai varias semanas en distintas operacións nas que foron vítimas cidadáns de distintos puntos da provincia.
En marcha dende Lugo un equipo da Garda Civil especializado na loita contra ciberdelincuencia
Compartir Este Artigo

