
A operadora rematou recentemente outro treito da despregadura da súa rede de fibra óptica no dito concello pontevedrés, aproveitando ao máximo as infraestruturas dos devanditos núcleos, onde quedaron conectados 120 fogares e negocios en Guía, 27 na Rocha e 94 en Covelo, respectivamente.
Ao remataren os traballos de cobertura enmarcados no actual Plan Avanza no que R traballa, máis de 7.000 fogares e negocios teranse unido xa á súa rede de fibra no concello do Porriño, pois aos preto de 772 inmóbeis incorporados na contorna do plan do Ministerio haberá que engadir os máis de 6.300 conectados a través doutros traballos de desenvolvemento de rede que a compañía de orixe galega vén realizando na zona dende hai anos.
Este e outros desenvolvementos de rede na provincia de Pontevedra forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH (fibra ata o fogar polas súas siglas en inglés) en 512 núcleos de Galicia que non dispoñían de alta velocidade ata o momento (as chamadas zonas brancas).
No desenvolvemento dos tres plans investirase un total de 10 millóns de euros, dos cales preto de 8 millóns de euros son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, as despregaduras do Porriño enmárcanse no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 196 núcleos de municipios do sudoeste de Galicia (Pontevedra). Os traballos nestas zonas suporán un investimento total de 3,75 millóns de euros.
Servizos innovadores
A empresa de telecomunicacións engade que os seus clientes nos núcleos do Porriño conectados “xa poden gozar dos servizos máis innovadores que lles ofrece a nova rede de fibra de R”, coa posibilidade de accesos de ata 10 GB, Wi-Fi 6 e tele con deco Android 4K sen ningún custo adicional. “Estas vantaxes”, engade a firma, “vanse traducir, entre outras cousas, nunha cobertura óptima dos servizos de R nos fogares e nunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez”. A operadora engade que a súa nova rede é “a máis rápida de España”, segundo segundo o prestixioso estudo da empresa francesa nPerf.
R incrementa en Porriño a cifra de inmóbeis conectados á súa rede de fibra óptica
Compartir Este Artigo

