O Centro GaiásTech publicou na súa web unha nova aplicación na nube dentro do GaiásTech Cloud, que xa está a disposición das empresas e das persoas usuarias para a súa proba e avaliación. Trátase de OpenVAS (Open Vulnerability Assessment System), unha ferramenta que axuda na avaliación de vulnerabilidades dun sistema informático. Segundo informa o devandito centro tecnolóxico, dependente da axencia autonómica AMTEGA, o software OpenVAS é o compoñente principal da solución de software libre Greenbone Security Assistant, desenvolvida pola empresa Greenbone Networks, que tamén ten outras solucións non libres baseadas en OpenVAS, seguindo o modelo open-core.
“Con OpenVAS”, explican dende AMTEGA, “poden lanzarse diversos tipos de probas sobre distintos obxectivos dunha forma manual ou programada, configurando periodicidades. Estas probas analizan todas as vulnerabilidades descubertas, recibindo actualizacións destas a diario”.
A través do GaiásTech Cloud, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen “poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado”, apunta a axencia, poñendo o foco nunha das grandes vantaxes do servizo: proporcionar unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos.
Ata o momento, as solucións dispoñibles no GaiásTech Cloud, ademais de OpenVAS son as seguintes: Rocket.Chat, solución de traballo colaborativo; Alfresco, orientada á xestión documental empresarial; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións coa clientela para organizacións do eido social; Prestashop, unha aplicación do sistema de comercio electrónico; NextCloud, un servizo de almacenamento e intercambio de ficheiros na nube; Zabbix, unha solución de seguimento de redes; FacturaScripts, un software de planificación de recursos empresariais e de administración da relación coa clientela; Taiga, unha plataforma para a xestión de proxectos áxiles; e a tenda en liña con WordPress.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que solicitar as sexan do seu interese a través da páxina do GaiásTech.
O GaiásTech pon a disposición das empresas un software que pon a punto a súa seguridade TIC
Compartir Este Artigo

