A Xunta e a Escola de Organización Industrial afondarán na súa colaboración para impulsar o emprendemento como “vía de recuperación económica”. Así o confirmaron o director do IGAPE, Fernando Guldrís, e máis Nieves Olivera, directora xeral da EOI, nunha xuntanza na que avaliaron o estado dos distintos proxectos conxuntos, entre os que se atopan os espazos de coworking co-impulsados por ámbalas entidades, “lugares de traballo destinados a emprendedores”. Segundo fixeron saber, estes espazos xa teñen permitido ata o de agora impulsar 700 novos proxectos innovadores de mercado en Galicia.
Para dar continuidade a este traballo, os novos talleres facilitarán ata finais de 2022 a posta en marcha de 220 iniciativas empresarias. En total habilitaranse 11 espazos, con catro novas ubicacións, das que tres se atopan na provincia de Ourense -nas comarcas do Carballiño, Valdeorras (A Rúa) e na Tecnópole (San Cibrao das Viñas)-, e outra na comarca do Deza (Lalín). Así mesmo, mantéñense sete espazos: tres en Lugo: na Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), na Mariña (Mondoñedo)e en Palas de Rei; outro máis en Pontevedra, no Salnés (Vilanova de Arousa); e tres na Coruña: en Ferrolterra (Ferrol), Santiago e na Costa da Morte (Cabana de Bergantiños).
Guldrís e Olivera sinalaron que estes coworking contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica mediante obradoiros prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.
Así mesmo, a reunión permitiu tamén avaliar as posibilidades que ofrecen outras accións que se están a desenvolver no contexto do acordo marco do IGAPE e a Escola de Organización Industrial, como os Activa StartUp, ou o Activa Industria 4.0. Ditas iniciativas configúranse como “ferramentas que permiten desenvolver proxectos de colaboración para impulsar a competitividade e o crecemento empresarial, permitindo ás empresas facer fronte aos custos asociados aos procesos de innovación”, sinalaron Guldrís e Olivera.
Os coworking da EOI e o IGAPE xa impulsaron 700 novos proxectos en Galicia
Compartir Este Artigo

