A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC vén de fortalecer as súas infraestruturas co obxectivo de amplificar e mellorar a capacitación do alumnado de Robótica. Fíxoo coa habilitación dunha planta industrial en miniatura que permitirá “replicar procesos de embotellado e envasado de produtos, ademais de favorecer a aprendizaxe dos mecanismos de automatización”, segundo indicou o profesor Enrique Comesaña, responsable do Laboratorio de Automatización e Electrotecnia da EPSE da USC.
A idea é ampliar a aprendizaxe práctica do alumando e xerar automatismos, familiarizándoo cunha ampla gama de elementos e compoñentes mecánicos e electrónicos, explica Comesaña.
O equipamento que permite replicar en laboratorio as distintas fases e procesos que se desenvolven nunha planta industrial de embotellado e envasado de líquidos está estruturado en varias estacións modulares, que reproducen as diferentes etapas de produción, e conta tamén con autómatas programables. Esta tecnoloxía posibilitará ao futuros graduados en Robótica “ter un coñecemento máis aproximado da automatización dos procesos nunha planta de produción dunha industria de perfil tradicional”, indica Enrique Comesaña, ao tempo que lembra “o compromiso da EPS de Enxeñaría de ampliar este equipamento con ata catro novas plantas acaídas para reproducir procesos de fabricación da chamada industria 4.0”.
Segundo engadiu, “a visión artificial e a loxística serán algúns dos ámbitos nos que permitirán traballar as futuras dotacións tecnolóxicas coas que contará nun futuro próximo o alumnado que está a cursar o grao de Robótica na EPS de Enxeñaría do Campus Terra”. Comesaña lembrou tamén que as infraestruturas e equipamentos tecnolóxicos dos que prevé dotarse en breve o grado de Robótica impartido pola USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo supoñen un investimento económico importante que podería aproximarse aos 100.000 euros.
A EPS de Enxeñaría da USC optimiza a formación dos estudantes de Robótica cunha planta de embotellado
Compartir Este Artigo

