A aula STEAM, o programa de divulgación científico-tecnolóxica de Afundación (ABANCA), comezou o ano facendo balance e anunciando novos retos de participación. Segundo fixo saber a entidade financeira galega, máis de 3.500 escolares de toda Galicia tiran proveito xa da iniciativa nos seus centros educativos, que inclúe (dende 2021) obradoiros de robótica e tecnoloxía aplicada. Neste curso, a xeito de novidade, tamén veu cun taller de impresión 3D vencellado ao deseño gráfico, con conexión directa coa obra do sobranceiro artista galego Isaac Díaz Pardo.
O obxectivo é ofrecer “aos docentes un programa con contidos interesantes e adaptables aos diferentes escenarios que se poidan presentar durante este curso, así como promover o acceso a unha educación de calidade (ODS-04), en liña co compromiso de Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable”.
A nova programación para o curso 2021-2022 aséntase en catro bloques: STEAMM, con dobre M, de música, que pon o foco nas artes plásticas e musicais ligadas ás coleccións de ABANCA e Afundación; A historia do deseño gráfico en Galicia a través da obra de Isaac Díaz Pardo, unha aproximación ás creacións en impresora 3D a partir da mostra As miradas de Isaac presentada nas sedes galegas de Afundación; Arte nas coleccións ABANCA e Afundación en formato STEAM, que aplica as innovacións tecnolóxicas e de robótica ás dúas coleccións de arte galega máis importantes; e STEAM e Naturnova, que conxuga o coñecemento do medio ambiente e do universo coas ferramentas STEAM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática).
As actividades da Aula STEAM contan con códigos abertos, de tal xeito que desde os centros escolares, tanto o corpo docente como o alumando, poidan seguir practicando a actividade unha vez finalizado o obradoiro.
“Trátase dunha proposta multidisciplinar coa que, ademais de potenciar o asentamento de coñecementos teóricos e a creatividade, Afundación pretende destacar a importancia da combinación de humanidades e o coidado do medio ambiente para demostrar a súa necesaria complicidade á hora de pensar un mundo en progreso para as nenas e nenos”, informan dende a organización.
Máis de 3.500 escolares participan nas actividades da Aula STEAM de Afundación
Compartir Este Artigo

