O panorama de certames destinados a premiar o talento creativo galego (e en galego) enriquécese co novo ano. Por exemplo a través do programa Nós tamén creamos!, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional. Ao abeiro do dito programa lanzouse o certame de premios Nós tamén creamos!, dirixido a distinguir as mellores curtametraxes de animación en galego do ámbito escolar e para o presente curso.
Establécense tres categorías para as que se convoca cadanseu premio:
-Categoría 1: destinada a curtas realizadas con alumnado do segundo ciclo de educación infantil.
-Categoría 2: destinada a curtas realizadas con alumnado de primeiro e segundo de educación primaria.
-Categoría 3: destinada a curtas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria
O profesorado participante nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante.
Os colexios recibirán, ademais dun lote de libros, un contrasinal de acceso á Plataforma OQO de contidos dixitais en galego durante o curso 2021-2022, para poder acceder aos álbums ilustrados sen necesidade de manipulalos, de ser preciso.
Os centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos! quedarán inscritos de oficio no certame. Para os demais centros de titularidade pública, o prazo de presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia rematará o día 15 de febreiro de 2022. A data límite de envío das curtametraxes será o 30 de maio de 2022.
As secretarías de Política Lingüística e Educación premian as mellores curtas de animación en galego
Compartir Este Artigo

