A Secretaría Xeral de Política Lingüística e máis a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional convocan a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes públicos durante o curso académico 2021/2022.
Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse cinco proxectos, que terán a consideración de excelentes; cada un deles recibirá unha dotación económica de 2.000 euros. Tamén poderán concederse dúas mencións de honra, de ser o caso.
O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. O profesorado dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de accésit.
Nas bases faise saber que “na planificación dos proxectos durante o curso 2021/2022, o profesorado terá en conta a previsión dos posibles escenarios de ensinanza-aprendizaxe que se puideren dar en función da situación sanitaria e deseñará os proxectos para que se poidan seguir desenvolvendo nunha situación de ensino a distancia ou semipresencial”.
O prazo de presentación das solicitudes, que se enviarán exclusivamente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, rematará o día 10 de marzo de 2022.
A innovación á hora de promover o galego será distinguida polas secretarías de Política Lingüística e Educación
Compartir Este Artigo

