A beta de iOS 15.4 por fin incorpora certas novidades demandadas polos usuarios de xeito masivo por mor da COVID, como son a posibilidade de desbloquear o móbil con Face ID cando teñamos unha máscara e a posibilidade de incorporar á Carteira do móbil o certificado de vacinación coma se fose unha tarxeta bancaria máis.
No caso da actualización de Face ID, a configuración deste sistema de recoñecemento engade unha opción chamada usar Face ID con máscara que permite identificar ao usuario cando ten a metade da cara tapada por unha máscara, para o que é preciso que mire ao dispositivo. Deste xeito impídese a incomodidade de ter que desbloquear o móbil mediante código cando estamos xunto a outras persoas ante a imposibilidade de quitar un intre a máscara para que o móbil poida recoñecernos. Resulta especialmente rechamante que Apple non fixese isto antes, especialmente se tempos en conta que lanzou dúas xeracións de iPhone en plena pandemia, e non quixo incorporarlles lector de impresións dixitais que poderían ter evitado moitas molestias nun escenario no que os usuarios deben levar máscara boa parte do día.
No que se refire ao certificado de vacinación, aínda que xa é posible dende hai bastante tempo solicitar tal certificado nun formato compatible coas aplicacións de carteira dos smartphones, agora simplifícase o proceso, e chega cun certificado de vacinación tradicional para a súa incorporación ao móbil simplemente engadíndoo a carteira e empregando a cámara do dispositivo móbil para recoñecer o código QR do certificado. Deste xeito poderá ser moi áxil o procedemento para amosar o certificado de vacinación (chegaría cun par de pulsacións no botón de acendido do teléfono) e a información do certificado tamén se incorporaría ao historial clínico do smartphone.
Polo momento estas funcionalidades só están na beta de iOS 15.4, pero en breve chegarán oficialmente a todos os dispositivos compatibles con iOS 15.
Apple por fin adapta os seus dispositivos ao contexto pandémico
Compartir Este Artigo
