O poeta valdeorrés Jorge Moral compartiu detalles dun proxecto tecnolóxico-cultural que pon en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, amais de achegalo, a través de innovadores formatos de comunicación, ás novas xeracións. Estamos a falar do proxecto As Letras de Florencio, dende o que se publicará este domingo 30 de xaneiro o primeiro dunha serie de podcasts sobre a vida e a obra do escritor de Córgomo. Esta iniciativa conta co impulso de varios concellos da comarca de Valdeorras e co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.
Doce capítulos
As letras de Florencio: o podcast son doce capítulos que serán publicados no último domingo de mes durante o 2022. O formato é unha creación do escritor e activista cultural valdeorrés Jorge Moral, quen no primeiro capítulo, Do que non se fala, pouco se sabe, ofrece unha cartografía persoal sobre o poeta abranguendo todas as facetas da súa contribución: a humana, a política e a literaria. Tamén terá unha colaboración do historiador Ricardo Gurriarán, e a intervención de Eilún del Pazo, poeta gañadora da terceira edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán.

Dende Utrecht, onde se atopa cunha estancia Erasmus, asegura que desexa que este podcast contribúa a crear un discurso colectivo sobre Florencio: “Hai bastante investigación formal sobre o autor pero falta divulgación, facer a súa obra e traxectoria máis accesibles, sobre todo para a xente nova, afeita a que se nos conte a cultura cuns códigos que non son os nosos”. Segundo indica, “a acción cultural e política de Florencio están moi vixentes”.
Os podcast subiranse á Spotify e Ivoox e poranse a disposición de plataformas de audio en liña e radios para a súa emisión. Tamén estarán na web As Letras de Florencio e nas redes sociais do proxecto, onde se irán anunciando tódalas actividades e publicacións relacionadas co autor durante este 2022.
O poeta Jorge Moral lanza unha serie de podcasts para achegar a figura de Florencio Delgado ás novas xeracións
Compartir Este Artigo

