Nas últimas semanas converteuse en todo un fenómeno o xogo de palabras Wordle na súa versión en inglés, o que levou a que rematasen saíndo versións en español, catalán e galego, polo que quixemos falar co responsable desta última, o desenvolvedor ourensán Abraham Martínez Gracia.
– Podes explicarnos en que consiste o xogo de Wordle?
– A mecánica do xogo Wordle é moi sinxela: Adiviñar a palabra oculta no menor número de intentos posible.
A palabra oculta ten sempre cinco letras. O número máximo de intentos é de seis.
Con cada intento, o xogo vainos indicando cunha combinación de cores, que letras temos ben colocadas, que letras pertencen á palabra pero están nunha posición incorrecta e que letras non están na palabra oculta.
– Como se converteu nun fenómeno en redes sociais?
– Aínda que este xogo na súa versión orixinal leva xa varios meses circulando pola Rede, non foi ata que o seu creador engadiu a opción de compartir os resultados nas redes sociais, que comezou a facerse viral.
O feito de que a palabra oculta sexa a mesma para todos os xogadores do mundo anima á xente a retarse para ver quen é quen de conseguir adiviñar a palabra o antes posible.
Ademais este é un xogo moi sinxelo, que non require rexistro, nin descargas, nin envía notificacións ao usuario, algo que tamén axuda a que sexa adoptado por mais xente.
– Que che levou a adaptar o xogo á nosa lingua?
– Despois de ver que o xogo orixinal estaba sendo adaptado a diferentes idiomas, decidín facer unha versión en galego, principalmente para demostrar que o noso idioma está ao nivel de calquera outra lingua, e que pode competir perfectamente no eido dixital.
– Foi complicado o desenvolvemento da aplicación web? Tes pensado levalo a outras plataformas?
– Despois dunha pequena procura na Internet vin que a versión en castelán do xogo creada por un programador colombiano, Daniel Rodríguez, fora liberada como código aberto.
Descarguei o código, boteille un ollo, e vin que non sería complicado crear unha versión en galego a partires del.
Fixen as modificacións que considerei oportunas, incluín partes de código propio e preparei as palabras do dicionario galego. Logo dunhas horas a aplicación estaba lista.
O interesante deste xogo é a súa sinxeleza, algo que vai moi unido á esencia da web. Desde un navegador web pode ser xogado desde calquera dispositivo, polo que penso que non ten ningunha vantaxe portalo a outras plataformas.
– Tes unha estimación da cantidade de xente que xoga actualmente a Wordle en galego?
– Si, nestes primeiros días mais de 4.000 persoas diarias están a xogar á versión do xogo en galego, chegando este pasado día 12 a ser xogado por mais de 5.200 persoas.
Amais disto, os chíos coa etiqueta #wordlegalego superan o centenar diario.
A resposta dos usuarios está sendo moi boa e estou a recibir moitas mensaxes de agradecemento. Alédame moito ver que a xente goza xogando na nosa lingua na Internet.
– En España este tipo de xogo era coñecido polo concurso televisivo Lingo presentado por Ramoncín. Contactaches xa con Paco Lodeiro para que presente Palabraham na Galega?
– Haha, estou agardando pola súa chamada para pechar un acordo. Non se me ocorre ninguén mais indicado que Paco Lodeiro para presentar unha versión deste xogo. XD
