As sete cidades galegas están a ter un papel moi destacado na súa participación na convocatoria do Ministerio de Política Territorial para a transformación da administración municipal. Asi o fixo saber o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que salientou que as nosas principais urbes (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol) solicitan 3,7 millóns para a dixitalización da súa xestión pública a todos os niveis, o que se traduce nun aproveitamento do 100% dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Executivo central.
José Miñones felicitou os sete consistorios “por estar á altura do desafío que supón esta mobilización de fondos sen precedentes para transformar os municipios”. As sete cidades galegas presentaron proxectos por valor de 3.676.347,82 euros, que, segundo dixo, “esgotan practicamente o total que lles pre-asignara o Ministerio para esta convocatoria, que estaba destinada a capitais de provincia e municipios maiores de 50.000 habitantes”.
-Santiago de Compostela: 364.004,74 €
-A Coruña: 921.112,64 €
-Ferrol: 237.763,80 €
-Lugo: 366.500,93 €
-Ourense: 393.002,95 €
-Vigo: 1.084.686,76 €
-Pontevedra: 309.276,00 €
Orzamento de 97,2 millóns
Esta primeira orde conta cun orzamento total de 97,2 millóns de euros que o Ministerio de Política Territorial distribuíu entre as entidades beneficiarias para garantir a cohesión no reparto territorial dos fondos.
O delegado animou ao resto de concellos de Galicia a que preparen as súas iniciativas de cara á nova convocatoria que lanzará proximamente o Ministerio de Política Territorial e que estará aberta á totalidade de municipios, “con independencia da súa poboación”. Contará cun orzamento de 191 millóns de euros. O ano próximo haberá unha máis de igual contía ata esgotar os 391,4 millóns de euros que o Ministerio de Política Territorial xestiona nesta liña de investimento.
A modernización da Administración Pública protagoniza unha das dez políticas panca do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Dentro dela, o compoñente 11 mobilizará 4.239 millóns de euros para a transformación dixital, a transición enerxética e a modernización dos distintos niveis da administración pública en España.
Obxectivos e actuacións obxecto de subvención
José Miñones insistiu en que “estes fondos supoñen unha boa oportunidade para que as cidades galegas melloren e modernicen a súa organización” coa incorporación de tecnoloxías da información, dixitalización dos procedementos administrativos e adaptación da súa xestión a medios dixitais.
Entre as actuacións subvencionables, hai algunhas que se consideran prioritarias e que son:
– Posta en marcha dun centro de operacións de ciberseguridade (de execución obrigatoria).
– Unha administración orientada ao cidadán, desenvolvendo os tres servizos máis utilizados en modo app móbil ou a través dunha interface adaptable integrada no Cartafol Cidadán da AGE.
– Operacións Intelixentes. Posta en marcha dun proxecto para automatizar procesos de prestación de servizos ao cidadán.
– Desenvolvemento ou adaptación de servizos exentos de barreiras transfronteirizas para cidadáns e empresas europeos.
As sete cidades galegas solicitan 3,7 millóns de euros para modernizar a administración local
Compartir Este Artigo

