O proxecto do Goberno galego para dixitalizar os elementos de defensa da rede autonómica de estradas recibiu finalmente 5 ofertas trala súa licitación por case 2,4 millóns de euros. As propostas achegadas a este contrato están conformadas por UTE, o que supón que hai un total de 11 empresas interesadas. Os traballos teñen un prazo de execución de 18 meses e serán financiados no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.
O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acadar o “xemelgo dixital da estrada”, é dicir, “un modelo dixital que se vai procesar para facilitar, tanto a actividade administrativa en relación coa estrada, como a redacción dos proxectos ou os labores de conservación”. Baixo este contrato elaborarase a cartografía dixital dos 5.500 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, tanto en dúas como en tres dimensións.
O servizos contratados incluirán a realización dunha captura masiva de puntos cun levantamento realizado mediante mapeo móbil, un proceso que incluirá o escaneo en tres dimensións das estradas desde un vehículo que percorrerá toda a rede cun sistema de toma de datos das estradas. Os puntos obtidos clasificaranse con técnicas de Intelixencia Artificial, de xeito que sexan identificados obxectos como liñas, carteis, barreira ou bordos. Unha vez identificados, converteranse en liñas que se poidan situar espacialmente, en tres dimensións.
A dixitalización realizarase sobre a base da última cobertura de fotografía aérea e cartografía dispoñible na Xunta, integrarase no sistema cartográfico xestionado polo Instituto de Estudos do Territorio e permitirá actualizar o Catálogo Visual de Estradas.
A Consellería explica que “unha vez efectuadas estas tarefas, obteranse vectorizados todos os elementos que definen e delimitan as estradas, entre eles, eixes das estradas, liñas de separación de carrís, bordos de beirarrúas e sendas ou obras de paso como pontes, viadutos, pasos superiores, inferiores ou túneles”.
Este inventario estará á disposición da Administración para a elaboración de proxectos e a conservación de estradas, pero tamén para facilitar por exemplo os planeamentos urbanísticos.
Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas elaborou unha Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase, explican, “de dar resposta ás necesidades en xestión integral das estradas autonómicas, buscando a integración de todos os datos e sistemas informáticos”. Tamén engaden que esta base de datos estará ao dispor dos cidadáns, “mellorando a transparencia, aforrando custos e tempos de xestión ás persoas e optimizando os recursos da administración”.
Recibidas cinco ofertas para dixitalizar os elementos de defensa da rede autonómica de estradas
Compartir Este Artigo

