Red.es e ICEX España fixeron pública a lista de novas firmas innovadoras que integrarán o Pavillón de España que ambas as institucións organizan de forma conxunta en 4YFN (4 Years From Now), a plataforma de negocio de startups organizada por GSMA no marco do Mobile World Congress: unha listaxe constituída por 40 empresas procedentes de diferentes comunidades e todas elas co nexo común de ter coñecemento avanzado que achegar e potencial para revolucionar mercados. O 4YFN celebrase entre o 28 de febreiro e o 3 de marzo.
Na listaxe están incluídas dúas compañías da nosa terra: Norlean Manufacturing & Produtividad (firma viguesa centrada na análise de datos e procesos con vistas optimizar procesos de negocio, formada en 2017 por tecnólogos e xestores TIC; ten participado na aceleradora Business Factory Auto en Vigo) e Alice Biometrics (empresa con sede na cidade olívica centrada en tecnoloxías avanzadas de seguridade para verificar identidades en remoto, de xeito automático e seguro).
Detalles sobre 4YFN
4YFN é unha das das principais plataformas de negocio para empresas emerxentes e desde a súa primeira edición, hai 8 anos, situouse como un dos eventos máis importantes do ecosistema emprendedor. Está enfocado ao sector das startups (empresas cun máximo de 5 anos de antigüidade, con produtos ou servizos innovadores no ámbito dixital ou tecnolóxico), ás que ofrece posibilidades de conexión únicas. Integrado en MWC, é, en palabras de Red.es, “o marco ideal para as empresas tecnolóxicas en fases moi temperás que busquen financiamento”.
As 40 empresas da delegación española organizada por Red.es e ICEX, representan sectores tan innovadores como frontier tech, Intelixencia Artificial, conectividade (5G e redes), robótica, materiais (grafeno, materiais de quantum), deep tech, saúde dixital (rexistro dixital de pacientes, analítica aplicada á saúde, diagnóstico, monitoraxe por control remoto, carrexables, saúde mental, benestar, nutrición e fitness), sport tech, fintech e impact.
Desde 2021, a última edición, 4YFN intégrase en MWC, compartindo así localización en Fira de Barcelona onde se recibiu a visita de 20.000 persoas e 100.000 conexións online, en representación de 165 países e coa participación de 1.000 expositores, colaboradores e socios.
As galegas Norlean e Alice Biometrics estarán na delegación española do 4YFN 2022
Compartir Este Artigo

