Vidiv, plataforma galega dirixida para retransmitir grandes eventos, vén de comunicar que foi seleccionada entre os máis de 570 proxectos de base tecnolóxica que se presentaron á iniciativa Neotec, organizada pola entidade pública empresarial CDTI, dependente á súa vez do Ministerio de Ciencia e Innovación. Finalmente, 125 proxectos de toda España beneficiáronse destas axudas Next Generation para impulsar a creación e consolidación de novas empresas de base tecnolóxica en España; dos cales en Galicia só hai 5 contribucións, sendo Vidiv unha delas. En virtude delas, acadou a contía máxima: 250.000 euros.
Para Alfonso Gutiérrez, director executivo de Vidiv, que a plataforma fose elixida para a convocatoria de Neotec “supón unha excelente noticia”, e máis tendo en conta o alto nivel dos proxectos que concorreron, algúns deles moi maduros e con empresas con maior facturación que Vidiv e plenamente consolidadas. “A nosa fortaleza determinante para os avaliadores de CDTI”, informa, “foi tanto os retos tecnolóxicos da compañía como a excelente descrición técnica achegada na memoria presentada, que segundo os examinadores estaba moi por enriba do habitual nesta convocatoria”.
Vidiv, desenvolvida durante a pandemia dende Visual MS co obxectivo de achegar unha ferramenta que fose alén das simples vídeo-conferencias e conseguise “transmitir as emocións”, permite reunir a dez, cen, mil, dez mil ou infinitos participantes: todos co seu sitio no espazo onde se celebra o evento. Este espazo coñécese como area, en clara referencia ao lugar do antigo coliseo romano onde collían corpo os grandes acontecementos da época clásica. “É nesta area dixital, a do século XXI, onde os usuarios poden compartir risas, aplausos, aprobación; e tamén críticas e descontento”, explican dende Visual MS, con sede no Porriño, engadindo que “a area ve, escoita, sinte e vibra coa participación de todos os relatores”. Ademais, estes poden obter resposta en tempo real e coñecer o que gusta nun intre determinado.
A plataforma galega Vidiv acada a máxima contía dos Next Generation
Compartir Este Artigo

