A nosa terra é estes días un fervedoiro de actividades nas que as mulleres tecnólogas son as protagonistas indiscutibles, abrindo camiños para as que veñan detrás e animándoas a percorrelo. O motivo non é para menos: este venres celébrase o Día das Mulleres e nas Nenas na Ciencia, unha data que pon de manifesto que aínda hai moitas desigualdades que emendar en todos os ámbitos da vida, incluído o ámbito STEAM (acrónimo de Ciencia, Tecnolóxica, Enxeñaría, Arte e Matemática). As nosas universidades son se cadra o principal foco de actividade nestas celebracións. Sen ir máis lonxe, o Edificio Redeiras da UVigo acolleu unha charla entre investigadoras de diferentes xeracións, que avaliaron os moitos e variados atrancos que se atoparon nas diferentes etapas de cadansúas carreiras profesionais. Mostraron ás máis novas como salvar estes obstáculos da mellor maneira posible, uns obstáculos que malia o que poidamos pensar, son maiores canto máis se sube na escala profesional.
Dende diferentes eidos do coñecemento, diferentes campus e diferentes etapas profesionais, catro mulleres investigadoras participaron este mércores nunha charla interxeracional enmarcada dentro das actividades organizadas pola Universidade de Vigo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller a Nena na Ciencia. As protagonistas da cita foron Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora do centro de novas tecnoloxías AtlantTIC. Cada unha delas relatou como foi súa etapa académica e como se desenvolveu a súa traxectoria profesional ata a actualidade. Coincidiron en “que queda moito por facer”, que “a loita é continua”, que “as desigualdades de xénero son maiores canto máis se sube na escala profesional” e que, “en moitas ocasións, son as propias mulleres as que se poñen barreiras”.
As primeiras en intervir foron as docentes máis novas, comezando por Talía Rodríguez, investigadora que desenvolve o seu traballo no eido da produción audiovisual, contidos en televisión, plataformas dixitais, análise de campañas de publicidade e desinformación. Chegou á Universidade tras constatar que a conciliación era imposible no sector audiovisual, “en canto te propós ser nai, desapareces do panorama laboral”. Por isto considera que a súa entrada na UVigo foi “doce, xa que entrei durante a miña baixa por maternidade, algo impensable no mundo profesional”. Xa no eido universitario recoñece que “a investigación dende esa perspectiva é máis positiva do que esperaba”.
Máis atrancos atopou Cristina Delgado, docente e investigadora distinguida do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, que desenvolve o seu traballo na área de ecoloxía e taxonomía das diatomeas, tanto en ecosistemas mariños como en auga doce. Explicou que a súa experiencia foi “unha loita continua”, xa que a pesar de que durante a etapa da carreira ou da tese “ía á par cos meus compañeiros e non tiven dificultades, chegado a un punto, tes que elixir”, en referencia aos roles de nai ou coidadora, que “pesan moito á hora de tomar decisións e de poñer a profesión por diante”.
Susabana Reboreda, docente e investigadora da Área de Historia Antiga dende 1997, centrada na mitoloxía grega e a muller na antiga Grecia, forma parte de varios proxectos relacionados co mundo da muller e a maternidade. Explicou que a súa traxectoria é a dunha persoa “típica da LRU (Lei de Reforma Universitaria), porque estudei en Santiago e seguín a traxectoria básica de bolseira, predoutoramento, etc. ata chegar a ser profesora titular”. Recoñece que foi “un camiño foi doado” no que non se sentiu diferente aos seus compañeiros varóns. “As humanidades teñen un perfil que seguen moitas mulleres, polo que non atopei moitas dificultades”, pero estas si apareceron nunha escala superior e, como exemplo relataba que cando se converteu en profesora titular “só había dúas catedráticas”.
A última en achegar a súa experiencia foi Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora responsable do Grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia de AtlantTIC. As súas áreas de investigación básicas son a tecnoloxía da fala en galego e castelán, a segmentación de audio e o recoñecemento biométrico de persoas. É coautora de máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais e dirixiu 10 teses. Na súa intervención lembrou como a súa nai se botou a chorar cando lle dixo que ía estudar Enxeñaría de Telecomunicación en Madrid. Alí atopouse “con clases de 200 persoas sen unha soa muller”. Tras rematar a carreira regresou a Vigo, xusto cando comezaba a tomar forma a EE de Telecomunicación e apostou por involucrarse no proceso. Recoñece que pensaba que coa docencia ía ter que renunciar a parte do seu desenvolvemento profesional, pero “axiña comezamos a facer investigación e transferencia. Foi unha oportunidade que aproveitei e fixen unha carreira investigadora potente”. Neste tempo puido constatar desigualdades en moitos aspectos, por exemplo, cando as mulleres exercen como investigadoras principais.
O edificio Redeiras acolleu un debate sobre os atrancos que teñen que salvar as mulleres no ámbito STEAM
Compartir Este Artigo

