Nun momento no que Chrome domina claramente o mercado dos navegadores web é moi difícil achegar aos público a navegadores alternativos, que teñen que ofrecer características innovadoras para chamar a atención, como veñen facendo dende Opera nos últimos anos, con éxito reducido, o que non parece que vaia mudar coa última novidade: o uso de emoticonas como enderezos de páxinas web.
Esta curiosidade non é unha creación orixinal de Opera, senón que consiste na integración da tecnoloxía de Y.at, que permite construír ligazóns web con forma de emoticonas, o que non só carece dunha utilidade práctica real, senón que fuxe dos estándares establecidos e non parece que ninguén máis vaia adoptar esta tecnoloxía que en vez de facilitar, complica o establecemento de ligazóns a páxinas web.
Dende Opera venden a novidade como un gran cambio no funcionamento da Internet como un signo dos tempos, pero non deixa de ser unha mensaxe comercial, xa que na práctica Y.at non funciona a nivel de rede, senón que simplemente é un acurtador de ligazóns, que en vez de empregar caracteres latinos fai uso de emoticonas, que son moito máis difíciles de teclear e diferenciar, polo que estamos ante algo que crea máis problemas dos que soluciona, e que o seu sería que a longo prazo quedase como unha simple anécdota.
Opera permite usar emoticonas como enderezos web
Compartir Este Artigo
