A Universidade de Santiago vén de informar de novos traballos destinados a fomentar a divulgación científica e tecnolóxica accesible na nosa lingua. E non unha divulgación calquera, senón a dos vídeos TED (Technology, Entertainment and Design), referencial organización sen arela de lucro que ten o obxectivo de difundir achados científico-tecnolóxicos a través de formatos breves de 18 minutos. A través do certame TED-Saúde da USC foi posible subtitular en galego 25 novos vídeos. Foi grazas á contribución de 21 persoas.
Con estas contribucións son xa 149 as charlas TED deste ámbito que teñen versión en lingua galega grazas ao concurso que organizaron as comisións de normalización lingüística (CNL) dos centros da USC que imparten titulacións relacionadas coa saúde: Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria. Os vídeos poden verse ademais no propio TED, escollendo como lingua o galego. Tamén están dispoñibles tanto na web do SNL, como na súa canle de Youtube, como en Proxector, o espazo que reúne audiovisuais en galego para a docencia.
O concurso, que tamén conta cun módulo formativo previo para aprender a subtitular na plataforma de tradución, así como para repasar algúns dos erros máis frecuentes na tradución inglés-galego, repartiu 1.200 euros en premios. Na modalidade Participantes da USC o 1º premio, de 300 euros, foi para Marta Garrido Novelle, polos subtítulos A errada relación entre a imaxe corporal e a saúde; o 2º e 3º premios, de 250 e 200 euros, para Sandra Mariño Cortegoso, polos subtítulos de Que é o glutamato monosódico? É realmente perigoso para ti? e de Que tipo de leite che vai mellor?; e o 4º, de 150 euros, para Candela Lafuente López, por traducir Poderías recuperarte dunha enfermidade… coas túas propias células nai?. Pola súa banda, na modalidade de Participantes alleos á USC, o premio de 300 euros outorgóuselle a María Rico Vázquez, por subtitular Como o traballo me axudou durante o tratamento contra o cancro.
Os vídeos de TED abranguen intervencións sobre numerosos eidos como ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer. A USC lembra que hai máis de 1.000 charlas TED dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas. As comisións de normalización lingüística dos centros da USC relacionados con ciencias da saúde, conscientes da escaseza de contidos divulgativos relacionados con esta área en galego, propoñen este concurso para “motivar, entre outros destinatarios, o alumnado e o profesorado, especialmente aos dos centros desta grande área de coñecemento, así como os de Filoloxía, para contribuír a crealos mediante o lexendado de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego”.
Obradoiro de podcast en galego
A CNL da Facultade de Ciencias da Comunicación organizou o primeiro Obradoiro de podcast en galego co obxectivo principal de contribuír á existencia de recursos dixitais na nosa lingua e que foi impartido por creadores de tres coñecidas canles que explicaron como enfrontarse a unha primeira peza. Froito deste taller, viron a luz os podcast O camiño ao gol de Breixo Barreiro Mira; A lareira podcast: “Juanucha: Contrabando, guitarras e armas no avión de Raquel Besteiro Gestoso; O podcast de Sindy e Rush de Sandra Ferreiro García; Cristais de Meraki de Marta Tiago Calzada e Ana Loureiro Sánchez; #1 prazeres de Laura Ramos Cuba; e Literatas de Andrea Mosteiro Sangiao.
A USC incrementa a cifra de vídeos TED subtitulados ao galego con 25 novas achegas
Compartir Este Artigo

