A finais de 2020 Google anunciou a compra de Neverware, empresa coñecida por CloudReady, unha versión de Chrome OS que permitía a instalación do sistema operativo de Google en equipos non certificados, facilitando así a recuperación de vellos ordenadores para traballar como equipos orientados á nube.
Dende Mountain View anunciaban a súa intención de integrar o traballo de Neverware en Chrome OS, e por fin podemos ver os froitos deste traballo en Chrome OS Flex, o novo sistema operativo de Google que chega en acceso anticipado e permite que empresas e centros educativos poidan gozar das vantaxes dun sistema operativo centrado na nube, doado de administrar e seguro, aproveitando vellos ordenadores PC ou Mac, sen ter que mercar un Chromebook ou un Chromebase (os equipos que veñen con Chrome OS preinstalado).
Chrome OS Flex pode instalarse rapidamente por USB ou rede local, recibindo os usuarios a súa configuración cando se identifican no sistema, e podendo así gozar dunha experiencia de uso moderna, áxil (o sistema inicia en poucos segundos), segura (non precisa de antivirus) e sustentable (non precisa dun potente ordenador para funcionar, polo que incluso é unha boa opción para dar unha segunda vida a moitos equipos, sempre que teñan un mínimo de 4 GB de RAM).
Cando creamos unha unidade USB con Chrome OS Flex podemos probar o sistema operativo sen instalalo, e se consideramos que é axeitado para o noso equipo podemos proceder á súa instalación definitiva. Polo momento estamos ante unha versión preliminar orientada a desenvolvedores, e en poucos meses confían en publicar unha versión estable do sistema operativo ao que poderán actualizar os actuais usuarios de CloudReady totalmente de balde.
Chrome OS Flex permitirá dar unha segunda vida a vellos ordenadores
Compartir Este Artigo
