A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPEME, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, dirixidas a axudar á transformación de pequenas e medianas empresas, profesionais e persoas autónomas en xeral. As accións tratarán a creación de páxinas web profesionais, a optimización de imaxes e a importancia da mercadotecnia dixital.
O primeiro dos obradoiros foi este 14 e nel María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartiu un taller titulado Crea unha páxina profesional con WordPress II no que ensina as posibilidades desta ferramenta á hora de crear un sitio web así como o deseño, desenvolvemento e xestión do mesmo.
O martes 15 Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, falará sobre a Optimización de imaxes: mellora a velocidade da túa web. Este obradoiro afondará en diferentes técnicas para lograr optimizar as imaxes e que os sitios web se visualicen no menor tempo posible, algo que axuda a mellorar a posición en buscadores e redes.
Para rematar a semana, o mércores 16 Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, ensinará como crear O teu plan de márketing dixital paso a paso, unha ferramenta esencial para que unha empresa teña éxito na contorna en liña.
SmartPEME móstranos como tirar proveito de WordPress e como acadar máis visibilidade nas redes
Compartir Este Artigo

