A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), anunciou que vai crear un marco ético sobre o uso das tecnoloxías intelixentes que “garanta os dereitos fundamentais da cidadanía galega”. Farao xunto coas tres universidades da nosa Comunidade: a UDC, a UVigo e a USC. Trátase dunha das medidas recollidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial. Segundo informa AMTEGA, “a implantación dunha Intelixencia Artificial ética e fiable é un dos obxectivos das estratexias aprobadas pola Xunta, que indican que o desenvolvemento destas tecnoloxías deben respectar os nosos valores e normas, reforzar a súa presenza nas cadeas de calor da industria e, ante todo, servir á cidadanía”.
A axencia lembra que a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial sinala tamén que unha aplicación fiable desta tecnoloxía debe basearse en tres compoñentes que deben satisfacerse ao longo de todo o ciclo de vida do sistema: “Debe ser lícita e cumprir con todas as leis e regulamentos aplicables; debe ser ética, de xeito que se garanta o respecto aos principios e valores; e debe ser robusta, tanto dende o punto de vista técnico como social, xa que a súa aplicación pode causar danos, mesmo accidentais”.
Para garantir este marco de actividade, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asinou un convenio co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Este acordo, explicaron, “permitirá a realización dun estudo sobre o marco ético-normativo e o potencial impacto da adopción da Intelixencia Artificial en Galicia”.
O traballo será coordinado pola axencia, que tamén se encargará de recompilar e aportar os datos da enquisa Sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas do ano 2020 e primeiro trimestre de 2021, elaborada pola Instituto Nacional de Estatística.
Na investigación participaran os grupos de Empresa e Administracións, Sistemas Intelixentes e Valoración Financieira Aplicada, da Universidade de Santiago; os de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS), o Jean Monner de Competencia e Desenvolvemento, e o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA), de Universidade da Coruña; e a Rede de Investigación de Gobernanza e Economía (GEN) da Universidade de Vigo.
A Universidade de Santiago de Compostela encargarase, entre outras tarefas, da análise de datos e elaboración do apartado Estudo ético e normativo. Pola súa banda, a Universidade da Coruña encargarase, entre outros aspectos, da análise de documentación e elaboración do apartado Estudo das estratexia e deseño dun modelo de indicadores. A Universidade de Vigo elaborará o apartado Estudo relativo á aplicación da Intelixencia Artificial.
AMTEGA e as nosas universidades traballarán para garantir os mellores usos da Intelixencia Artificial
Compartir Este Artigo

