
En concreto, no informe dise que en Galicia coñecéronse entre xaneiro e decembro 88.255 infraccións penais, das que 19.946 foron estafas cometidas a través de medios telémáticos. “Consolídase a tendencia ascendente neste tipo de delincuencia, nun progreso que comezou tras a pandemia”, sinalou o delegado.
José Miñones subliñou que as Forzas de Seguridade do Estado traballan nunha dobre vía contra esta delincuencia: por unha banda, coa incorporación de grupos de investigación especializados (en 2021 puxéronse en marcha nas comandancias da Garda Civil os equipos @, Arroba, para perseguir estes delitos, ao que se suma a incorporación nas Comisarías de Policía de axentes especializados na delincuencia telemática), e pola outra, con accións intensivas de formación e sensibilización levadas a cabo pola Policía Nacional e a Garda Civil para axudar aos colectivos máis expostos a este tipo de delincuencia, poñendo o foco nos maiores e nos escolares. Nestas charlas danse ferramentas para protexer datos sensibles e formación para previr calquera engano e denunciar os que se coñezan. “É esencial estender esta cultura da prevención entre os colectivos máis vulnerables e facerlles ver que os axentes de Policía e de Garda Civil están tamén ao seu lado na loita contra esta delincuencia, menos visible pero igualmente daniña”, indicou.
Reforzo policial
En relación aos efectivos dispoñibles, o delegado do Goberno informou de que en 2021 os persoais de Policía Nacional e Garda Civil medraron un 3% en Galicia, sumando entre ambas os 8.634 efectivos. “Son 270 policías e gardas civís máis que no ano anterior e coas novas convocatorias de emprego público seguiremos avanzando neste reforzo”, apuntou.
Segundo os datos do Ministerio do Interior, as estafas informáticas subiron o ano pasado un 53,6% en Galicia, e este crecemento, dixo, “xustifica a taxa de criminalidade alcanzada na Comunidade galega en decembro, que foi de 32,7 delitos por cada mil habitantes, 1,7 puntos máis que o trimestre anterior”.
Miñones advirte de que un de cada catro delitos en Galicia é xa unha estafa telemática
Compartir Este Artigo

